En demanda dun convenio colectivo "digno"
Convocadas catro xornadas de folga no metal da Coruña
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', explicou que a decisión de ir á folga chega tras dous anos de negociacións para o novo convenio do sector metalúrxico na provincia dda Coruña sen lograr ningún tipo de avance e despois de que a patronal aparecera na última reunión cunha proposta económica que supón "unha auténtica burla". "Nun momento no que a carestía da vida medra imparábel, cando o IPC rematou o pasado ano no 6.5% e xa está agora mesmo nos dous díxitos a nivel galego, a patronal inventa un novo concepto de revisión salarial que suporía que cada traballador e traballadora perdera máis de 8.000 euros ao final da vixencia do convenio, e iso facendo unhas estimacións moi cautelosas", advertiu Tupi.
O secretario nacional da CIG-Industria explica que a patronal propuxo ir a un convenio de seis anos no que se eliminaría a revisión salarial ligada ao IPC anual para facer unha media dos IPC dos seis anos de convenio. "Esta fórmula só ten como obxectivo non incrementar os soldos, xusto cando estamos a padecer unha suba dos prezos histórica", criticou.
Por iso, xa adiantou que "non imos consentir que a clase traballadora sexa a que novamente pague as consecuencias desta crise e a patronal ten que saber que non imos asinar ningún convenio que non garanta, cando menos, o mantemento do poder adquisitivo dos soldos; e iso pasa por incluír unha cláusula de revisión salarial anual referenciada no IPC real".
Dereito de subrogación e regular os pluses
Xunto á cuestión económica, Tupi denunciou que o empresariado tamén aproveitar esta negociación para incluír no convenio "os peores aspectos da reforma laboral" e así afondar na flexibilización da xornada e precarizar cada día máis o sector. Neste senso, unha das reivindicacións da parte social é que no convenio do metal se recoñeza, dunha vez, o dereito de subrogación para todo o persoal. Unha vella demanda sindical que, subliñou, resulta "imprescindíbel para termos unha garantía de emprego e estabilidade no sector".
Xunto a isto, o secretario da CIG-Industria considerou "fundamental garantir que os postos de traballo que se xeren teñan unhas condicións dignas", polo que tamén demandou que se regulen os pluses de penoso, tóxico e perigoso, as dietas e as viaxes, incrementar un día as vacacións ou limitar o uso das ETT.
Ante as pretensións patronais, a CIG chama a todos os traballadore do siderometal da Coruña a secundar estas catro xornadas de folga -previstas para os días 5, 12, 18 e 19 de maio- e pelexar nas rúas por un convenio digno porque "só a través da loita e da mobilización conseguiremos frear os abusos da patronal, mellorar os nosos dereitos e avanzar nas nosas condicións de vida".