O 12 e 13 de xullo

Convocadas dúas xornadas de folga no comercio de alimentación de Pontevedra

A CIG anunciou a convocatoria de dúas xornadas de folga no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra para os días 12 e 13 de xullo en demanda dun convenio colectivo digno.

Convocadas dúas xornadas de folga no comercio de alimentación de Pontevedra
Rolda de prensa da CIG para anunciar folga no convenio de alimentación da provincia de Pontevedra.
Rolda de prensa da CIG para anunciar folga no convenio de alimentación da provincia de Pontevedra.

A CIG, que ten a maioría absoluta da representación (8 de 15 membros na mesa de negociación), insta ao persoal dos comercios de alimentación de Pontevedra a mobilizarse e demostrarlle á patronal "que van asumir un convenio de miseria nun sector que está rexistrando beneficios millonarios e batendo todos os seus récords de ganancias", sinalan no seu comunicado.

Na comparecencia explicouse que este convenio, que regula a uns 10.000 traballadores en toda a provincia, venceu o 31 de decembro de 2022, pero despois de numerosas reunións, unha mediación e unha primeira xornada de folga o pasado 23 de xuño, as negociacións continúan sen avances.

Iván Veiga, da CIG-Servizos de Pontevedra, aclarou que as dúas principais discrepancias entre a patronal (con representación maioritaria de Gadis e Froiz) e a central nacionalista son as referidas ás subas salariais e á redución da xornada. Apunta que na última reunión (no marco da mediación) a patronal puxo enriba da mesa uns incrementos insuficiente xa que para un convenio a catro anos propón unha suba total do 10%.

Ademais, tampouco queren incluír unha cláusula de revisión que opere ano a ano conforme ao IPC e xerando atrasos, como mecanismo para garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, no caso de que a inflación sexa superior aos acordos pactados para cada anualidade, tal e como aconteceu en 2021 e 2022. Esta é unha reivindicación innegociábel para a CIG.

Sobre as acusacións da patronal de que a CIG leva unhas demandas salariais moi elevadas, Veiga recalcou que hai varias categorías profesionais no convenio que neste momento xa están por debaixo do SMI e que os incrementos que se solicitan suporían unha suba de arredor de 60 euros/mes "que empresas con facturacións millonarias como Gadis ou Froiz ben poden asumir".

En canto á xornada laboral, advertiu que a xornada anual estabelecida no convenio de Pontevedra "é unha das máis altas do sector, chegando ás 1826 horas". "Noutros convenios doutras empresas do sector esa xornada está nas 1770 horas e entendemos que hai que baixala porque senón é imposíbel conciliar". Non hai que esquecer que no comercio de alimentación trabállase de luns a sábado 40 horas e tamén os festivos autorizados.

Xunto a isto, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, puxo o acento na necesidade de mellorar as condicións laborais, sinalando que "neste sector non hai ningún fin de semana libre. No convenio regúlanse catro días de asuntos propios, pero cando unha traballadora ou traballador pídese collelo en sábado, non llo dan e ten que ir ao xulgado reclamar o seu dereito". Por iso, ademais da redución anual da xornada, na plataforma da CIG reivindícanse seis fins de semana de calidade.

Bloqueo das negociacións

Fernández matizou que o novo convenio se está negociando dende febreiro e a raíz da convocatoria en solitario de folga do pasado mes de xuño iniciouse unha mediación. Neste senso, reiterou que a CIG non se nega a continuar coas negociacións, pero acusa a patronal de ser "quen está bloqueando" calquera posibilidade de avanzar nun acordo. De feito, a mediación rematou o pasado martes ante o estancamento das conversas e o que consideran actitude prepotente da patronal.

Ante a parálise da situación, a CIG acordou solicitar o peche da mediación e convocar folga para os días 12 e 13 de xullo. Mais no caso de non producírense avances, valorarase co persoal do sector a posibilidade de convocatoria máis xornadas de paro despois do período de vacacións.

Convocadas dúas xornadas de folga no comercio de alimentación de Pontevedra