O acordo contempla dúas anualidades de 500.000 euros
O convenio entre a Deputación e Sogarpo facilita avais a 67 empresas ourensás
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o de Sogarpo, Artur Yuste, anunciaron este luns o reforzo da cooperación entre as dúas institucións en beneficio das pemes da provincia, nunha xuntanza que ambos valoraron como moi produtiva, analizando a colaboración conxunta coa vontade de continuala na mesma liña.
"A Deputación e Sogarpo sempre mantiveron unha colaboración fluída e constante de traballo conxunto, que co convenio asinado en 2023 deu un impulso moi importante ao empresariado ourensán con cifras contrastadas, o que permitirá axudar á financiación das empresas, que é seu grande obxectivo”, expresou Artur Yuste. Neste senso, o convenio referido, asinado en 2023, contempla dúas anualidades de 500.000 euros e cuxo obxectivo é promover a actividade económica das pemes situadas na provincia de Ourense, facilitando o seu acceso a financiación, bonificando os seus custos que requiran da garantía de Sogarpo.
“Con ese convenio estamos axudando a pequenos empresarios cos gastos de funcionamento e de constitución das súas empresas. É unha colaboración estreita e longa que se vai adaptando aos tempos e ás necesidades que nos formulan con axudas moi importantes desde o punto de vista funcional nunha provincia na que é preciso apoiar en todo o que estea na nosa man”, sinalou o presidente provincial, Luis Menor.
68 avais
Segundo os datos actualizados que se analizaron na reunión, dos 68 avais outorgados, correspondentes a 67 empresas, mediante a achega da Deputación dentro do convenio con Sogarpo, consumiron xa 365.000 euros dos 500.000 euros dispostos no presente exercicio. O importe dos avais outorgados foi de 5.303.000 euros, mentres que o do investimento inducido foi de 6.411.000 euros.
O presidente da Deputación, Luis Menor, ratificou que “continuaremos mantendo esta cooperación en favor das pequenas e medianas empresas, con este instrumento tan útil que é o convenio de colaboración con Sogarpo”.