O orzamento deste organismo sube ata os 80 millóns de euros
Conter o impacto do prezo enerxético en fogares e empresas, prioridade do Inega para 2023
O orzamento do Inega para 2023 crece nun 46,85%, ata acadar preto de 80 millóns de euros, para seguir avanzando nos principios recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030: eficiencia enerxética, integración das fontes renovables no mix enerxético, mobilidade eficiente e sostible, economía circular, impulso de biocombustibles e gases de orixe renovable e innovación tecnolóxica.
Así, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, explicou que os esforzos do Goberno galego centraranse, especialmente, en dar pulo ás enerxías renovables, e fomentar a eficiencia enerxética nos fogares, empresas e administración, facendo dos orzamentos unha rede de protección.
Neste sentido, avanzou que se duplicará o orzamento do Bono Eléctrico Galego ata acadar os 4 millóns de euros, ademais de axilizar a súa tramitación -este ano xa se beneficiaron máis de 5.800 familias-. Ademais, convocarase unha nova edición do Bono Enerxía Peme, que contará con 4,7 millóns de euros e incluirá asesoramento enerxético para a adaptación do equipamento dos negocios.
Fernández Vila tamén subliñou a aposta que desde a Xunta de Galicia se está facendo por fomentar o autoconsumo, o almacenamento enerxético e as instalacións térmicas con renovables entre familias, pemes, autónomos e administracións. Así, destinaranse 20,8 millóns de euros a este tipo de liñas de axudas. Ademais de impulsar comunidades enerxéticas tanto locais como empresariais.
O director xeral tamén se referiu a outras liñas de axuda que tratan de favorecer a sustentabilidade do tecido produtivo. Ademais, haberá actuacións para avanzar na descarbonización do sector industrial e na súa eficiencia enerxética por 18,3 millóns de euros.
No eido da mobilidade eficiente e sustentable, lembrou que segue aberta a convocatoria do programa Moves III para a adquisición de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga, que vén de ampliar o seu orzamento ata os 40,5 millóns de euros.