É o maior convenio en volume de toda Galicia
Constituida a comisión negociadora do convenio colectivo do metal de Pontevedra
Trátase dun convenio dun sector moi amplo, competitivo e diversificado, tal e como explicaron as partes negociadores, que engloba actividades como automoción, aeronáutica, industria naval, estruturas metálicas, instaladores eléctricos, recubrimentos, talleres de reparación….
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, declarou en representación das entidades empresariais (Asime, Atra e Instaelectra) que "a vontade da parte empresarial, ao igual que da parte sindical, é chegar a un acordo sen presa pero sen pausa, con reunións inicialmente cada 15 días. Temos un papel difícil polo contexto actual, que ten como punto positivo unha carga de traballo alta pero moitos retos ligados aos costes loxísticos e enerxéticos desmesurados, carencia de persoal cualificado, unha inflación alta e a inestabilidade da invasión de Rusia en Ucraína”.
Xulio Fernández, responsable comarcal da CIG Industria en Vigo, sindicato que non asinara o anterior convenio, declarou que "nós abordámolo como unha nova oportunidade para recuperar factores sociais en temas como a redución da xornada anual ou a subrogación de empresas privadas en empresas principais, así como manter o poder adquisitivo no marco da inflación actual. Ningunha das partes queremos chegar á conflitividade, pola nosa parte entramos coa mellor vontade nesta negociación”.
Celso Carnero, secretario xeral de CCOO Industria Vigo, engadiu que afrontan a negociación "coa esperanza de que esta vez si que cheguemos a un convenio que asinen todas as partes sindicais implicadas, algo que non se produce dende 2009. Temos que por en valor o último convenio firmado, que a pesar de acordarse en época de pandemia conseguiu dereitos e avances importantes nos que queremos seguir afondando. Ademais, a falta de persoal cada vez é máis latente e as condicións deste convenio funcionan como un polo de atracción de profesionais para garantir a continuidade do sector”.
Finalmente, Rubén Pérez, secretario xeral de UGT Industria en Vigo, declaroun que "agora ábrese unha oportunidade para conquistar novos dereitos e adaptarnos a novas realidades como a da reforma laboral, que lle dá se cabe aínda máis transcendencia ao noso convenio, porque agora todas as empresas do sector, aínda que teñan convenios propios, están obrigadas a manter as condicións salariais marcadas no convenio sectorial. A nosa vontade e práctica é facer os esforzos necesarios para chegar a acordos neste convenio de referencia, adaptado ao novo marco de contratación da reforma laboral”.
A primeira reunión da comisión negociadora terá lugar o 7 de febreiro en Vigo.
Convenio de despachos de Pontevedra
Noutro orde de cousas, FeSMC UGT Pontevedra insta ás partes que forman a mesa negociadora do convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra a abrir xa a negociación dun novo convenio que actualice as condicións laborais, que están paralizadas desde 2012. O sindicato, que non ten maioría na mesa negociadora, remitiu o pasado 25 de novembro a CCOO, CIG e á Confederación Empresarial de Pontevedra un escrito onde se expuña esta situación.