O ente está composto por 36 membros, en representación da realidade socioeconómica galega
O Consello Económico e Social de Galicia constitúe o seu novo pleno
Debido as limitacións consecuencia da covid-19, os membros do Consello Económico e Social de Galicia foron convocados a unha sesión telemática para facer efectiva a constitución do novo plenario, logo da renovación publicada no DOG o pasado decembro e adiada ata a data polas restricións sanitarias.
Como sinalou o presidente do CES, Agustín Hernández, a sesión telemática foi una mostra de adaptación á nova normalidade que estamos a vivir. O presidente subliñou que entre os retos a abordar no período que se inicia estará a mellora da capacidade tecnolóxica e dixital do organismo, así como a dotación dos medios técnicos necesarios. Hernández adiantóu así mesmo que está previsto abordar a modificación do regulamento interno do organismo para adaptalo aos novos tempos dixitais.
A presencia do conselleiro Valeriano Martínez foi aproveitada polo presidente para reivindidar o papel do CES como foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia. “Podemos contribuir a mellorar a acción de goberno coas nosas aportacións, que xurden, na meirande parte das ocasións, do consenso entre organizacións e entidades moi diferentes”, lembrou Hernández.
Documento sobre rede de transportes
Logo de dar a benvida aos novos membros, o presidente adiantou ao Pleno unha próxima convocatoria para tratar, entre outros asuntos, do documento consensuado polo CES cos seus homólogos de Andalucía, Estremadura, Castela e León e País Vasco, dentro do marco da Rede Transnacional Atlántica ((RTA), sobre a revisión das orientacións da Rede Transeuropea de Transportes, para o seu eventual traslado ás institucións comunitarias. Nesa vindeira sesión deberá aprobarse tamén o ditame sobre a universidade privada e un informe a iniciativa propia sobre os coidados de longa duración e a súa incidencia no emprego.
O Consello Económico e Social de Galicia está composto por 36 membros, repartidos en tres grupos, ademáis do seu presidente e un secretario xeral. O Grupo I engloba ás organizacións sindicais máis representativas; o Grupo II representa á Confederación de Empresarios de Galicia; e o Grupo III dá cabida ás organizacións agrarias, as confrarías, aos consumidores, á economía social e ás tres universidades de Galicia. En conxunto, unha ampla representación da realidade socioeconómica da sociedade civil organizada.