Reunión do consello consultivo da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia
O consello consultivo de INEO anima ao sector TIC a propor proxectos aliñados cos fondos de recuperación
Durante a xuntanza do consello consultivo de INEO, púxose especialmente en valor o papel que as tecnoloxías da información e da comunicación tiveron durante a crise orixinada pola pandemia en tanto en canto permitiron a diversos sectores continuar coa súa actividade e poder mitigar en gran medida os efectos da crise. Non obstante, tal e como destaca Luis Sestelo, presidente de INEO, “aínda queda moito camiño por percorrer, non podemos quedarnos soamente na compra de dispositivos ou nas reunión virtuais, temos que facer unha transformación dixital máis profunda, que afecte tamén os procesos industriais”. Neste sentido, Sestelo subliña que “as empresas TIC galegas están especializadas en achegar solucións moi versátiles e modulares, especialmente para as pemes, que representan unha alta porcentaxe do tecido empresarial galego".
Posta en valor do sector TIC como eido empresarial propio
Máis alá da transversalidade e da súa relevancia como impulsor e palanca doutros eidos de actividade, no Consello Consultivo de INEO quíxose recoñecer as TIC como sector empresarial independente, que ten necesidades e retos propios (custo do desenvolvemento da tecnoloxía, a necesidade de mellora continua, a competencia global polos recursos humanos ou polos clientes,...) e polo tanto, é importante tamén para este sector o poder contar con financiación. Unha oportunidade perfecta para contar con esa financiación é a posta en marcha de proxectos aliñados cos fondos europeos de recuperación. “Debemos cooperar entre as compañías TIC para pór en marcha grandes proxectos de dixitalización aliñados cos fondos europeos de recuperación”, sinala Sestelo.
O consello consultivo de INEO contou coa presenza das seguintes entidades: o Consorcio Zona Franca de Vigo, Abanca, Banco Sabadell, as tres universidades galegas, o Consello Galego de Cámaras de Comercio, o Colexio Profesional de Enxeñeiros de Informática de Galicia, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Gradiant e a Confederación de Empresarios de Galicia.