Preto de 700.000 metros cadrados
O Concello de Valdoviño analiza con Cofer as posibilidades do polígono industrial das Boeiras
O polígono das Boeiras -que comparte con Narón- con máis de 677.000 metros cadrados de solo industrial agardando a chamada de proxectos de iniciativa pública ou privada que precisen solo para medrar e expandirse e facelo á carta. A día de hoxe, trátase dunha posibilidade única na comarca de Ferrol e área de influencia, pero pola contra pouco coñecida entre o tecido empresarial e mesmo no ámbito da administración que o Concello de Valdoviño quere remediar. Con ese obxectivo, o alcalde, Alberto González, mantiña recentemente en Madrid unha reunión con Leire Iglesias, directora xeral da SEPES, entidade propietaria do 95% do polígono. Unha reunión na que arrincaba o compromiso de poñer no mercado o solo, ofertándoo entre posibles demandantes.
As xuntanzas para mover As Boeiras continuaban a pasada semana, e o rexedor reuníase neste caso coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer). O seu presidente, Cristóbal Dobarro, e os directivos Santiago Pérez-Torres e José Manuel Rilo coñecían de primeira man as posibilidades do polígono e as súas principais vantaxes: a súa titularidade pública, a súa situación urbanística (que facilitaría en gran medida a tramitación do proxecto sectorial e de construción coas mínimas autorizacións sectoriais), a clara definición das infraestruturas para a súa urbanización (proxectos de abastecemento e saneamento redactados e orzamentados), a súa posición estratéxica e conectividade (a escasos 500 metros da AG-64, limitando coa AC-566 e a AC-121, e por tanto, practicamente conectado coas vías de alta capacidade, a AP-9, ou FEVE) e, sobre todo, a posibilidade de ofrecer solo incorporado ao Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia a demanda dos proxectos que se instalen nel.
Nesta primeira reunión, os representantes das principais asociacións empresariais da zona amosaron o seu interese no polígono e comprometéronse a colaborar na divulgación entre posibles demandantes de solo. Unha colaboración clave para favorecer o desenvolvemento da área industrial que permitiría a Valdoviño captar novos proxectos empresariais e consolidar o aumento demográfico dos últimos anos.