Contémplase a ordenación de case 650.000m2 de solo empresarial
O Concello de Tomiño aproba a modificación do PXOM para crear o Parque Empresarial Transfronteirizo
A aprobación, por parte do pleno do Concello de Tomiño, da modificación do PXOM para a creación do Parque Parque Empresarial Transfronteirizo contou con 15 votos a favor. Unha vez se publique nos diarios oficiais, comezarán dous meses de información pública nos que o Concello abrirá unha oficina de atención á veciñanza para resolver dúbidas.
O lugar idóneo para a creación deste Parque Agroindustrial no municipio pontevedrés de Tomiño é a 'recta de Figueiró', e ven predeterminado pola súa proximidade á Ponte Internacional e, consecuentemente, a súa posición xeoestratéxica no contexto xeográfico da Eurorrexión. A maiores, a ubicación vese favorecida pola existencia dos servizos urbanísticos necesarios para o seu desenvolvemento: as conexións de auga e saneamento municipal, fibra óptica e accesibilidade viaria.
Sandra González, alcaldesa de Tomiño, sinalou que “este vai ser un pequeno gran paso para Tomiño, pois é un proxecto de emprego e de futuro, no que se tiveron en conta as posibilidades de crecemento das empresas da zona”.
A modificación puntual do PXOM para o desenvolvemento do Parque Agroindustrial Transfronteirizo contempla a ordenación de case 650.000 metros cadrados de solo empresarial, dos cales máis de 150.000 corresponden a actividades empresariais existentes e 500.000 á creación de novo solo empresarial.
Este proxecto foi presentado a asociacións de empresarios da Eurorrexión e conta co apoio expreso da Cámara de Comercio de Tui, da Confederación de Empresarios de Pontevedra e da Associação Empresarial de Viana do Castelo.