Reunión con Suelo Empresarial do Atlántico, entidade que xestion o parque empresarial
O Concello da Pobra avaliará as posibilidades de ampliación do polígono da Tomada
Despois de que a finais do ano pasado, Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) vendera as últimas parcelas dispoñibles no parque empresarial da Tomada, a reunión estableceuse como primeira toma de contacto de cara a avaliar as posibilidades de ampliar o polígono, un dos máis puxantes da zona.
Na reunión entre a xerente de SEA e os responsables municipais da Pobra, estudáronse as distintas posibilidades, dado que as parcelas que quedan libres no polígono son as do Concello e como resaltou o rexedor, “non son oferta suficiente para o dinamismo que ten o polígono industrial”.
Beatriz Sestayo recordou que en 2019 finalizouse a venta dos terreos dispoñibles de A Tomada, tan só catro anos despois da súa inauguración, coa ocupación total dos 106.000 metros cadrados dispoñibles, por parte de ata 6 empresas.
“Puxémonos a disposición do Concello. En caso de que testemos esa demanda que o Concello coñece mellor que ninguén, porque está en contacto continuo co sector, e no caso de que haxa terreos dispoñibles, como así parece, estaríamos dispostos a abordar esa ampliación”, explicou Sestayo.
“Dende a SEA queremos dar todas as posibilidades de crecemento socioeconómico a Galicia e poder asentar empresas que xeren emprego e que permitan que a xente se quede na súa terra o desenvolver as súas actividades empresariais en Galicia ou que veñan a Galicia a invertir, que sempre é un bo lugar”, engadiu a xerente.
Requisitos para a ampliación
Beatriz Sestayo lembrou que existen dous requisitos para afrontar a ampliación e pasan por que exista demanda empresarial e pola disposición dos terreos axeitados, que “é o que van testar dende o Concello e que nós esperamos avaliar en concreto”.
Segundo explicou o alcalde, “o acordo é que o Concello fará un estudo para buscar a ubicación máis idónea e orográfica, sen que se produza unha afección ás vivendas próximas e buscando a ubicación idónea. Despois o enviaremos á SEA para avaliar as posibilidades”. O Concello da Pobra, anunciou, fará “un estudo do mercado, da demanda actual”, se ben puntualizou que “cremos que existe esa demanda”. “Esperemos que nun prazo temporal moderado podamos dicir que esa ampliación é unha realidade”, afirmou Xosé Lois Piñeiro.
O obxectivo será que a ampliación sexa, como mínimo, a unha superficie similar. Para iso, o Concello manterá reunión cos empresarios do polígono e da localidade.
Tamén a edil Patricia Lojo avanzou que confía en que vaia producirse unha “comunicación moi fluida e que se chegue a acordos”, polo que será “importantísimos” que “nos poñamos a traballar para a futura ampliación”.
Na actualidade, SEA está elaborando ademais o seu primeiro plan estratéxico, en busca dunha estratexia que permita coñecer as necesidades das empresas para asentarse nos parques empresariais.