Mobilización fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra
O comité de Ence pide constituír de inmediato a mesa de traballo sobre o futuro da pasteira
Dende o comité, presidido pola CIG, demandan unha mesa de traballo na que estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo. Mais entenden que a súa formación ten que ser inmediata, e así llo trasladarán aos responsábeis do Ministerio de Transición Ecolóxica na reunión que terá lugar este mércores Madrid.
A representación sindical mantivo nos últimos tempos unha serie de xuntanzas cos partidos políticos con representación nos Gobernos do Estado e da Xunta, e o mes pasado reuníronse co PSdeG e cos dous vicepresidentes do Goberno galego, Alfonso Rueda e Francisco Conde, e tamén solicitaron xuntanzas cos Ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica.
O obxectivo é forzar unha solución que remate coa situación de incerteza na que se atopan como consecuencia de que a concesión administrativa da fábrica de celulosa está xudicializada para dirimir até cando se prolonga, “pero saia ben ou mal o que está claro é que haberá recursos, o que prolongará a incerteza durante moito tempo máis”.
A isto hai que sumar a tramitación da Lei de Transición Ecolóxica, “e segundo a quen consultes dinche que se pode aplicar con carácter retroactivo ou non; o PSdeG e os nosos avogados sosteñen que non se pode aplicar con carácter retroactivo, mentres a Xunta e a propia empresa aseguran que si que nos vai afectar”.
Por iso demandan a creación urxente dunha mesa de traballo para buscar unha solución que garanta o futuro de todos os postos de traballo, tanto en Ence como en todo o sector forestal galego.