Este venres reúnese a comisión negociadora do ERTE

O comité de empresa da refinaría de Repsol busca apoios en María Pita

O Comité de Empresa da Refinaría de A Coruña segue a recoller apoios na súa loita contra o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) presentado por Repsol para 212 dos seus traballadores.
O comité de empresa da refinaría de Repsol busca apoios en María Pita
Membros do comité de empresa da refinaría de Repsol xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro Lage Tuñas.
Membros do comité de empresa da refinaría de Repsol xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro Lage Tuñas.

Este xoves foi o turno da reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, logo de que o pasado martes o comité de empresa se reunira co rexedor de Arteixo.

No transcurso da reunión a representación do comité de empresa detallou polo miúdo a situación na que se atopa a refinaría de Bens nestes intres ao mesmo tempo que foi exposta a inquedanza que este ERTE introduciu en todo o persoal, "xa que logo a falta de investimentos no noso complexo industrial fai pensar que esteamos ante o principio de algo mais severo e prexudicial para o emprego", explican desde o comité a través dun comunicado.

"Tendo en conta a imparable chegada dunha transición enerxética que afectará en gran maneira a Industrias como a que hoxe nos ocupa, a alcaldesa mostrou sintonía coa preocupación mostrada polo comité de empresa. Desde a Alcaldía da A Coruña trasladáronnos que son conscientes da problemática que lles fixemos chegar e que teñen moi presente a importancia que ten para esta cidade a supervivencia dunha industria como a refinaría, atendendo non só ao emprego directo que xera, senón tamén ao peso que ten en relación ao tráfico portuario e demais sectores que se verían afectados se a viabilidade deste complexo industrial se vise comprometida".

Desde a Alcaldía de A Coruña trasladaron o seu total apoio aos traballadores de Repsol A Coruña e brindaron a súa axuda -ao igual que o fixera o Concello de Arteixo- para tratar de evitar que todo este proceso continúe cara adiante e afecte a unha numerosa cantidade de familias.

Reunión da comisión negociadora e manifestación

Este venres terá lugar a segunda reunión da comisión negociadora do ERTE na refinaría e igualmente o persoal do complexo ten previsto unha concentración na porta de Bens ás 15 horas. A dirección de Repsol pretende aprobar un ERTE por causas produtivas para 212 traballadores do complexo industrial durante un período de seis meses.

Ademais, o sábado 24 os traballadoes do complexo convocaron unha manifestación con saída ás 12 horas da praza da Palloza da Coruña.


 

O comité de empresa da refinaría de Repsol busca apoios en María Pita