Forman parte do Grupo de Comercio Innovador de Santiago
Comercios do Ensanche compostelán testan novas tecnoloxías para impulsar as vendas
Negocios integrados no Centro Comercial Aberto do Ensanche compostelán e na Rede de Iniciativas Empresariais Em‐Rede desenvolven desde o pasado mes de xuño un programa de sesións de traballo para atopar alternativas que potencien a súa posición no mercado, e testan accións concretas e tecnoloxías xa dispoñibles para a mellora das vendas e da experiencia dos clientes.
Ata o momento, representantes dos comercios integrados neste Grupo de Comercio Innovador participaron xa en dúas sesións formativas, levadas a cabo por especialistas en dinámica de grupos e en innovación e enfocadas ao sector retallista. O obxectivo de Santiago Centro é dotar de ferramentas concretas e aplicables inmediatamente, facendo fincapé na dixitalización. A realidade da compra online e dos novos hábitos dos consumidores será analizada durante os obradoiros, que se levarán a cabo todo o ano a razón dun ao mes, coa meta de converter estas ameazas en oportunidades de mercado.
No Grupo de Comercio Innovador intégranse negocios dos sectores máis diversos, da moda á decoración pasando polo equipamento deportivo, a xoiaría, a imprenta, a venda de arte, os servizos de benestar ou a óptica. O número de participantes é necesariamente reducido, co obxecto de facilitar a operatividade na posta en marcha do programa. A través do traballo en grupo, os formadores buscan que sexan os propios comerciantes os que detecten as fallas e os puntos fortes, as ameazas e as oportunidades. Marketing dixital, análise de datos, tecnoloxía no punto de venda ou tenda web serán algúns dos temas que se analizarán ao longo das sesións.
A experiencia é pioneira en Galicia. A acción servirá de grupo piloto para a proba e implantación de medias innovadoras que despois se trasladarán ao resto de socios de Santiago Centro. Ábrese tamén a porta a compartir custes en ferramentas que, abordadas de xeito individual, serían inviables.
Convenio coa USC
En paralelo aos obradoiros de dixitalización, Santiago Centro vén de elaborar un convenio marco para colaborar coa facultade de ADE da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A través dun acordo de aprendizaxe en servizo (ApS), alumnos deste centro realizarán durante o próximo curso un estudo investigación de mercado, primeiro; e, unha vez realizado este informe, unha proposta de iniciativas de promoción comercial aplicables no Ensanche.
Tanto a creación do Grupo de Comercio Innovador coma a colaboración coa USC enmárcanse no Plan Estratéxico do Ensanche elaborado por Santiago Centro como receita para afrontar os próximos e decisivos anos no sector do comercio de proximidade