Mellora da sustentabilidade na comarca

A comarca do Xallas instala plantas fotovoltaicas cunha potencia total de 280 KW

A comarca coruñesa do Xallas aposta, da man de E.nova Enerxía, polo autoconsumo e pola sustentabilidade mediante a instalación de plantas fotovoltaicas cunha potencia total de 280 KW.

A comarca do Xallas instala plantas fotovoltaicas cunha potencia total de 280 KW
Instalación fotovoltaica en Grille.
Instalación fotovoltaica na sociedade cooperativa Grille.

A explotación SAT Vila Alborés, en Mazaricos, e a fábrica Novo Campo Plantenes, en Santa Comba, inauguraron cadansúa instalación solar cunha potencia de 80 KW e en réxime de PPA On-site. Pola súa banda, a sociedade cooperativa Grille ampliou a súa planta fotovoltaica até os 80 KW e a fábrica de Piensos Alborés instalou unha planta propia de 40 KW.

Todas elas, da man da empresa enerxética compostelá E.nova Enerxía, fan que a comarca do Xallas mostre unha clara aposta polo aforro e polo autoconsumo enerxético e tamén pola sustentabilidade, ao reducir os seus custes eléctricos e gañar en independencia enerxética.

SAT Vila Alborés, unha das gandarías de vacún orientada á produción de leite máis grandes de Galicia, vén de poñer en funcionamento sobre chan unha instalación fotovoltaica de 80 KW. A planta instalada está dotada cun mecanismo que permite aos paneis modificar a súa orientación e resituar a súa posición segundo o movemento do sol, ampliando a súa produtividade ao redor dun 30%.

A explotación da planta instalada por E.nova Enerxía é en réxime PPA On-site. Consiste nun contrato de compra-venda polo cal o cliente cede a súa cuberta ou un terreo e o provedor de enerxía renovábel encárgase do investimento e da instalación da planta solar no espazo cedido, a factura establécese a un prezo fixo e vantaxoso por KWh. Ademais, transcorrido unha serie de anos determinados no contrato, a instalación fotovoltaica pasará ser propiedade do cliente, neste caso, Vila Alborés.

Pola súa banda, a cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, ampliou, até acadar os 80 KW, a súa planta fotovoltaica.

Novo Campo Plantenes, fábrica sita en Santa Comba e referente na produción de sementeiros e recipientes terreiros para toda clase de cultivos e plantas, tamén aposta pola fórmula contractual de PPA On-site cunha instalación de 80 KW.

Finalmente, a fábrica de Pensos Alborés, en Mazaricos, tamén instalou unha planta fotovoltaica de 40 KW en venda directa, de xeito que esta produtora de pensos amortiza o custe da instalación a través do aforro acadado coa produción da planta.

A comarca do Xallas instala plantas fotovoltaicas cunha potencia total de 280 KW