Considera que conseguir esta sede para Galicia sería bo para o conxunto do sector
O Clúster TIC Galicia apoia a candidatura da Coruña para acoller a sede da Aesia
O Clúster TIC Galicia amosa o seu apoio á decisión tomada polo nodo GalicIA para que A Coruña sexa a candidata galega a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).
“Trátase dunha decisión rigorosa, baseada en datos obxectivos, e consideramos que toda a comunidade se beneficiaría se finalmente Galicia resultase escollida como localización para a Aesia por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital”, declara o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. Neste sentido, sinala que as razóns do nodo GalicIA para apoiar a candidatura da Coruña son as mesmas que sosteñen o proxecto da Cidade das TIC.
“Cremos que todos debemos apoiar ao máximo esta proposta para maximizar as posibilidades de que Galicia consiga a sede da axencia. Trátase de competir a nivel estatal e é preciso presentar a candidatura máis forte”, comenta Rodríguez del Corra. “O Clúster TIC tamén alberga no seu seo ás empresas tecnolóxicas das principais cidades galegas, e o feito de situar a sede da Aesia en Galicia, sería bo para o conxunto do sector”, engade.
Nese sentido, o clúster amosa a súa total disposición para achegar ideas, proxectos e capacidades de cara a contribuír a presentar a mellor candidatura posible para a localización da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
Efecto tractor
O presidente do Clúster TIC cre que atraer a sede da Aesia a Galicia terá un efecto tractor relevante sobre entidades empresariais de alto valor, que poden atopar na Cidade das TIC un espazo idóneo e de alta calidade para establecerse.
Non obstante, Rodríguez del Corral deixa claro que “a asociación traballa para que o sector TIC medre en toda Galicia”, e sostén que a Cidade das TIC é un proxecto que se desenvolverá no conxunto da comunidade, poñendo como exemplo o centro de servizos avanzados Galicia TurisTIC, que abriu as súas portas o pasado maio en Vilagarcía de Arousa.