A asociación está integrada por 52 entidades
O Clúster Galego de Solucións Ambientais avanza no deseño do seu Plan Estratéxico 2021-2024
O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC, celebrou este venres a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que se deron cita os 52 socios integrantes do organismo.
A asamblea do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC, serviu para dar a coñecer os avances realizados no desenvolvemento do Plan Estratéxico 2021-2024 do Clúster. Para a posta en marcha desta folla de ruta, VIRATEC está en contacto cos Clústers galegos da Función Loxística, da Madeira, da Alimentación e co Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida.
A Asamblea Xeral de VIRATEC contou coa presenza do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. "Na economía circular é moi importante a unión de esforzos, por iso, este Clúster vai axudar a dar resposta aos retos vinculados á competitividade do tecido empresarial adicado ao desenvolvemento de solucións ambientais”, afirmou o conselleiro. Conde apuntou tamén que “ademais da colaboración entre as empresas do Clúster debe haber unha interlocución entre o sector e a Administración, polo tanto, neste proceso, todos somos necesarios”.
Por outra parte, o vicepresidente económico da Xunta animou ás empresas de VIRATEC a “impulsar iniciativas en proxectos vinculados á xestión de residuos, para dar unha resposta á reactivación económica e identificar oportunidades vinculadas aos fondos europeos”. Neste sentido, o presidente de VIRATEC, Marcos Martín, apuntou que “traballaremos para propoñer proxectos e solucións que permitan lograr o desenvolvemento sostible e unha transición ecolóxica xusta para Galicia”.
A asamblea xeral serviu para darlle luz verde ao regulamento de réxime interno de VIRATEC, avanzar no Plan Operacional 2021-2022 e ratificar aos novos socios do Clúster.
Datos do clúster
VIRATEC está integrado por 52 entidades, cuxa facturación alcanza os 2.000 millóns de euros. O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular naceu para incrementar a capacidade tecnolóxica, innovadora e a competitividade das empresas galegas que ofrecen solucións ambientais. VIRATEC traballa para fomentar a internacionalización do tecido emrpesarial e contribuir ao desenvolvemento sostible de Galicia.
Dende a súa constitución, VIRATEC puxo en marcha unha oficina de captación de financiamento para proxectos nacionais e internacionais. O obxectivo é permitr ás empresas do sector a transferencia e a internacionalización das súas tecnoloxías.