No marco do festival Carballo Interplay
O Clúster Audiovisual promove contactos de negocio coa industria lusa de contidos dixitais
A misión comercial organizada polo Clúster Audiovisual Galego serviu para poñer en contacto compañías do audiovisual galego coa delegación empresarial portuguesa, compartir experiencias e encontrar puntos de encontro empresariais que desemboquen en posibles novos proxectos.
Entre as produtoras, canles e creadores de contidos dixitais que formaron parte da delegación portuguesa estaban RTP (televisión pública de Portugal), Canal 180, Promenade Films, Ankylosaur, MT 360 Lda., Galo Bravo, PiXBee ou TODOS Creative & Production Force.
No marco desta misión comercial, o Clúster organizou reunións entre empresas galegas e portuguesas co apoio financeiro do Igape, Xunta de Galicia e UE a través do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que inclúe a realización de misións comerciais inversas. Con estes encontros deuse a coñecer ao exterior todo o potencial das empresas galegas e establecéronse posibles fórmulas de cooperación en novos formatos entre ambos territorios.