O próximo martes 25 haberá reunión da comisión negociadora
A CIG rexeita a proposta da patronal coruñesa para o convenio provincial do metal
A protesta realizouse ao rematar a asemblea de delegados da CIG-Industria, que se celebrou na explanada do edificio sindical da Coruña, para abordar a situación da negociación e valorar os pasos a seguir. Neste senso, Eduardo Caamaño, voceiro da CIG na mesa de negociación do convenio colectivo de siderometal da provincia da Coruña, explica que a mesa se constituíu a finais de 2019 mais a pandemia deixou en suspenso as reunións durante todo o pasado ano.
Ante este parón, as tres centrais sindicais remitíronlle en abril á patronal unha proposta pechada para un acordo parcial sobre as táboas de 2020 cunha suba salarial do 1% e o compromiso de seguir negociando o articulado do texto durante este ano, establecendo un calendario de reunións periódicas, e abordando aquelas materias que para a CIG son fundamentais pero que quedaron fóra do convenio actual, como o dereito á subrogación do persoal das contratas, limitacións á contratación a través de ETT, o control das mutuas ou recuperar a revisión salarial que existía previamente.
Desde a CIG expoñen que a patronal respondeu cunha contraoferta de suba salarial do 0.5% para 2020 e do 1% para 2021 e sen garantía de negociar outras melloras sociais e laborais. "Esta proposta non nos vale porque a plataforma unitaria que lle remitimos é pechada, co obxectivo de termos negociado este ano o novo convenio provincial no que se deben incluír melloras laborais, sociais e salariais", sinala Caamaño.
O martes, 25 de maio, está convocada xuntanza da mesa de negociación na que as centrais sindicais darán resposta á proposta da patronal. "Pola nosa parte xa lle dixemos que non a aceptamos e que non íamos entrar a negociar en base a esta oferta. Isto foi o que explicamos hoxe na asemblea de delegados e delegadas da CIG, á quen lles pedimos que nos trasladaran as súas opinións e que pasos dar se a patronal se mantén na súa postura", apunta Caamaño.
Por iso, con esta primeira mobilización tamén se quere advertir que a CIG non asinará ningún acordo se non leva implícito a negociación do conxunto do articulado do convenio colectivo.