A reunión da mesa de traballo sobre As Pontes será o xoves 28 de xaneiro
A CIG reclama a Xunta e Goberno central que definan os proxectos industriais para As Pontes
A protesta do persoal da central de As Pontes contou co apoio do persoal da planta de Gamesa nas Somozas e de Alu Ibérica da Coruña.
A reunión fora solicitada polas centrais sindicais co Delegado do Goberno, Javier Losada, o pasado 5 de xaneiro pero non se recibiu contestación até este xoves pola tarde "e por enriba derivando o encontro á subdelegada", critica o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi'. De igual xeito, lamentou que non foi até este xoves á tarde que o Ministerio de Transición Ecolóxica fixou data da reunión para a Mesa de Transición das Pontes. A xuntanza -por videoconferencia- terá lugar o próximo xoves 28 á tarde, e nela participará por parte do Ministerio a secretaria de Estado de Enerxía, Sara Aagesen.
Para Bouzas Aboi esta demora inxustificada resulta "clarificadora da falta de compromiso do Goberno español cun proceso de transición xusta para As Pontes. Parece que estiveron esperando a que Endesa anunciara o peche definitivo para convocar a Mesa. Non poden agardar a que haxa despedimentos enriba da mesa e se desmantele todo para logo valorar que facer", asevera.
A este respecto, o secretario nacional da CIG-Industria lembra que o Goberno ten que emitir un informe sobre o cese de actividade da central "e hoxe vimos aquí para coñecer en que estado se atopa o expediente, os termos nos que vai a resolución e se xa foron elaborados os informes que teñen que presentar a Subdelegación e Rede Eléctrica Española". Sobre este punto, a subdelegada comprometeuse a entregar estes documentos no gabinete técnico do próximo martes.
Paralizar o peche
Bouzas Aboi tamén reclamou á subdelegada do Goberno na Coruña que, na actual situación de ausencia de garantías e indefinición de alternativas, se paralice o proceso de peche da central. "Seguimos apostando polo mantemento dos postos de traballo tanto na principal como nas auxiliares mentres se leva adiante este proceso de transición. E por iso, dada a premura dos prazos que se manexan, queremos saber cales son proxectos para As Pontes por parte da Xunta, do Estado e do Concello".
Subliña que o Concello das Pontes si deu a coñecer os seus 88 proxectos "que encaixarían perfectamente dentro dos requisitos para acceder os fondos da UE. Pero seguimos sen saber nada dos 108 proxectos que anunciou a Xunta e se algún vai para As Pontes, e por suposto tamén descoñecemos cales son as alternativas que formula o Goberno español para a localidade".
Bouzas Aboi alerta que "temos menos de 100 días (hai que remitir as propostas antes de finalizar abril) para coñecer estes proxectos e como se traducen economicamente, xa que os van desenvolver empresas coas achegas dos fondos europeos e precisan dun control institucional". Neste senso, insta aos Gobernos a "posicionarse politicamente" a prol da reindustrialización da comarca, garantindo que os proxectos sexan destinados aos concellos onde pechan as centrais "e sexan proxectos de futuro capaces de asentar industria e poboación no territorio afectado".
Limitacións na capacidade de evacuación
O representante da CIG criticou que por parte das administracións "se lle permita a Endesa marcar os tempos, dirixir este proceso ao seu antollo e pechar a central sen asumir ningún tipo de responsabilidade nin laboral, nin social, nin ambiental, mentres quere aproveitar a capacidade de evacuación que ten asignada pola térmica para os seus futuros proxectos eólicos", recolle o seu comunicado.
A CIG presentara achegas á nova regulación para a concesión dos nós de transición xusta, "para que eléctricas que, como Endesa, pechan térmicas sen ofrecer garantías de continuidade dos postos de traballo non poidan manter a capacidade de evacuación á rede que actualmente teñen asignada pola actividade das térmicas, nin tampouco poidan acudir ás poxas de enerxía renovábel, mentres non resolvan coa representación dos traballadores (da principal e das contratas) unha solución laboral e industrial que manteña os postos de traballo nos concellos onde están instaladas as centrais".