Organiza concentracións este xoves na Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo
A CIG reclama un convenio colectivo digno para o sector da banca
O actual convenio colectivo de banca, vencido en decembro de 2018 e prorrogada a súa ultraactividade ata o 31 de decembro de 2020, e a negociación dun novo non avanza, denuncian desde CIG-Banca. "A posición inmobilista da patronal, cunha proposta “pre-pandemia”de recortes en dereitos e conxelación salarial non permitiu chegar a acordos", salienta o sindicato nun comunicado de prensa.
Ao seu xuízo, a proposta salarial da patronal profundiza na perda de poder adquisitivo sufrida nos dous convenios anteriores, cunha proposta de suba do 0,50 para os anos 2022 e 2023 respectivamente, deixando os anos 2019, 2020 e 2021 sen revisión salarial. Ademais engaden un recorte salarial a través dunha modificación na percepción dos trienios por antigüidade, que na práctica supón a consolidación a futuro dunha rebaixa nas cantidades a percibir por este concepto.
A CIG-Banca entende que non é momento de recortes, senón "de recoñecer o esforzo realizado polas traballadoras e traballadores do sector". Refírense ao feito de que o servizo bancario foi considerado servizo esencial desde o inicio da pandemia, "e os seus traballadores e traballadoras responderon con responsabilidade e sacrificio, prolongando durante meses a súa xornada laboral (e seguen a facelo), para prestar ese servizo ao conxunto da sociedade, en detrimento da súa vida persoal e da súa saúde en moitos casos, sen que eses excesos de xornada se viran compensados de ningunha forma, tal e como obriga a lei".
Por todas estas razóns, a CIG considera necesario denunciar publicamente, con concentracións nas distintas cidades galegas, o difícil momento que están a vivir os traballadores e traballadoras do sector, reivindicando a necesidade "dun convenio xusto que garanta unhas condicións laborais dignas". As concentracións realizaranse cun número reducido de persoas e desenvolveranse de xeito paralelo na Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo, fronte a oficinas de BBVA, Banco Santander e Banco Sabadell.