O sindicato considera que as entidades bancarias están a recurtar servizos e en dereitos coa excusa da crise sanitaria
A CIG protesta contra os recortes laborais e nos servizos de caixa en Abanca e BBVA
A primeira protesta tivo lugar na oficina do BBVA do Cantón Pequeno para denunciar o recorte ou eliminación do servizo de caixa decretado pola entidade durante a pandemia, mais que xa comunicou que se manterá de maneira permanente. "Estamos ante unha reestruturación que non foi nin comunicada nin negociada previamente coa representación social, a pesar de que afecta ao emprego, a distribución do tempo de traballo, aos salarios e ás funcións", subliñou Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG.
Neste senso, avanzou que esta dixitalización forzosa da clientela afectará ao emprego, xa que naquelas oficinas nas que restrinxe o horario de atención ou se eliminan as caixas, "haberá unha redución dos postos de traballo e o persoal terá que facer máis funcións de carácter comercial".
Esta recorte do horario, engadiu Fernández, implica que a atención en caixa só se presta até ás 11 horas e o resto do tempo as xestións teranse que facer a través da banca dixital ou do caixeiro, forzando así as clientas e clientes ao autoservizo. “Esta decisión claramente supón un prexuízo para as persoas maiores, que teñen menos coñecemento das novas tecnoloxías, levando a moitas delas á exclusión financeira”, alertou.
Abanca suprimiu o rexistro da xornada aproveitando a crise sanitaria
A seguir, os delegados da CIG trasladaron a protesta a diante da oficina principal de Abanca na Rúa Nova. Aínda que nesta entidade tamén se comparte a problemática da redución dos horarios de caixa, coa mobilización quixéronse pór a atención "nos recortes de dereitos, nos despedimentos en Caixa Geral, ou na negativa de Abanca a prorrogar a negociación do convenio colectivo".
Clodo Montero, secretario da sección sindical da CIG, subliñou que co gallo da pandemia, Abanca suprimiu o rexistro horario, obrigando o persoal a realizar horas extra para atender o aumento da carga de traballo "que non se computan e polo tanto nin se cotizan á Seguridade Social, nin se pagan, nin se compensan".
Xunto a isto, Montero rexeitou a actuación da dirección de Abanca que, en pleno estado de alarma, reactivou a negociación dun "ERE encuberto para 250 traballadores de Caixa Geral e dunha modificación da substancial das condicións de traballo, que entre outras cuestións mudou os horarios laborais do persoal".