Baixo o lema 'Mulleres precarizadas polos gobernos'
A CIG convoca 21 mobilizacións no Día da Muller Traballadora
Ester Mariño, secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, presentou en rolda de prensa a campaña que a central sindical está a desenvolver para conmemorar o 8 de marzo, nun contexto no que os datos do desemprego que se veñen de coñecer “son alarmantes” para a poboación feminina, xa que todo o emprego destruído “ten rostro de muller”.
É por iso que nesta ocasión a CIG vai saír á rúa baixo o lema “Mulleres precarizadas polos gobernos” para denunciar que levamos anos con mobilizacións masivas e con convocatorias de folga ás que se suman case todos os partidos políticos e os distintos gobernos -que mesmo fan súas as reivindicacións do feminismo- sen que logo iso se materialice nunha mellora real das condicións de vida e de traballo das mulleres en Galiza. “Esiximos que por unha vez se nos recoñezan dereitos reais e queremos denunciar que estamos precarizadas polos gobernos, xa que a pesar de que a pandemia puxo o foco sobre a importancia dos traballos dos coidados seguimos inmersas nunha feroz política de privatización dos servizos públicos de atención ás persoas”, indicou Mariño.
Ao mesmo tempo, lamentou que a nova reforma laboral reincida nos contratos precarios, “que van ter unha vez máis rostro de muller”, perpetuando os fixos descontinuos, de formación e temporais, “que son os máis habituais entre as mulleres”. Segundo denunciou, toda esta precariedade da vida laboral das mulleres repercute negativamente nas pensións, elevando a fenda nas contías até o 35,02%, “o que significa que as mulleres galegas cobramos 300 euros menos que os nosos compañeiros”.
A sindicalista tamén censurou que os traballos feminizados seguen a ser un nicho de mercado precario e desvalorizado; que os dereitos de conciliación son inexistentes e pasan necesariamente por unha redución dos ingresos das mulleres traballadoras; que continuamos a padecer todo tipo de violencias no traballo; “e que anos tras ano estes gobernos que se chaman progresistas e feministas veñen aprobando normas e reais decretos estrela orientados a eliminar as discriminacións no mercado de traballo pero que carecen de articulacións que permiten implantalos, como os plans de igualdade ou as auditorías salariais”.
Por todo isto, fixo un chamamento a que as mulleres tomen as rúas un ano máis para berrar “basta xa de precariedade e para reclamar os nosos dereitos” e animounas a participar nas mobilizacións convocadas. En Vigo a manifestación partirá ás 12:00 horas dende o cruce da Dobrada até farol de Urzaiz.