Pendente a reunión para fixar o texto definitivo e asinar o convenio

A CIG asinará o convenio do metal da Coruña

A CIG anuncia que asinará o convenio colectivo de siderometal da provincia da Coruña logo de que este luns as asembleas de traballadores celebradas na Coruña, Ferrol e Compostela aceptara por unanimidade a proposta de mediación do AGA para desbloquear a negociación. O acordo implica tamén a desconvocatoria das xornadas de folga pendentes.
A CIG asinará o convenio do metal da Coruña
representantes da CIG-Industria deron conta do acrod
Representantes da CIG-Industria na rolda de prensa celebrada na Coruña para informar da decisión das asemblea e do contido da proposta do mediador./WEB CIG.

Unha vez aceptada a proposta nas asembleas de persoal, a CIG remitiu o resultado ao AGA, polo que agora fica pendente concretar data de reunión da mesa de negociación para elaborar o texto definitivo do convenio e proceder a súa sinatura. Así o explicaron os representantes da CIG-Industria na rolda de prensa ofrecida este martes na Coruña para informar da decisión das asembleas do persoal e do contido da proposta do mediador.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, valorou que as asembleas consideraron que esta proposta cumpre os obxectivos marcados pola central sindical para esta negociación: evitar a perda de dereitos conquistados nos convenios anteriores, garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, combater a precariedade logrando a subrogación para todo o sector (tanto público como privado) e a non aplicación da reforma laboral, no sentido de non aceptar contratos fixos-discontinuos a tempo parcial e avanzar na redución da temporalidade coa non prolongación dos contratos eventuais.

Incremento salarial co IPC real

"Fronte as pretensións de recortes da patronal fomos, polo tanto, quen de incrementar os salarios garantindo o IPC real durante a vixencia do convenio, conseguindo así que non sexan as traballadoras e os traballadores quen teñan que soportar, unha vez máis, o custe da crise", aseverou Bouzas Aboi.  

Xunto a isto, sinalou que a proposta estabelece, a partir do ano 2023, a redución da xornada laboral nun día e a ampliación das vacacións nun día até os 24 días laborables. Ademais, tamén se regulará a desconexión dixital.

O secretario nacional da CIG-Industria salientou que outra das grandes loitas neste convenio foi impedir o aumento até o 10% na distribución irregular da xornada. A patronal pretendía desregular a xornada até o máximo legal (170 horas) e así empeorar as condicións laborais do sector, mais grazas a mobilización este punto finalmente quedará como xa estaba recollido no convenio.  

"Foi o sector a través da mobilización, a unidade e a determinación o que fixo posíbel romper coa intransixencia e a cerrazón da patronal para acadar unha saída ao conflito, despois de sete xornadas de folga masivas desenvolvidas nos meses de maio e xuño", recalcou Bouzas Aboi, quen indicou que a aceptación da proposta do mediador polas partes implica tamén a desconvocatoria da folga prevista para esta semana.

A CIG asinará o convenio do metal da Coruña