Análise do futuro do sector da automoción en Galicia
A CIG aposta pola fabricación en Galicia de vehículos de alto valor engadido
A federación de Industria da CIG vén de facer público un documento no que recolle as súas propostas sobre o futuro do sector galego do automóbil
Dende a central sindical apostan pola fabricación de vehículos de alto valor engadido e non de produtos de baixo custe, “xa que isto obriga as empresas a competir entre elas para ver quen fabrica máis barato, precarizando as condicións laborais, para poder así posicionarse no mercado”.
Para a CIG, as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” pasan por elaborar unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; por contar cunha política enerxética de país que reduza os custos e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; por implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e por que a formación profesional pública se adapte á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.
Estas e outras cuestións foron debulladas en rolda de prensa en Vigo polos secretarios nacional e comarcal da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, e Xulio Fernández, que estiveron acompañados polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves.
O documento que recolle as alternativas da central para a automoción foi elaborado a raíz do debate aberto cos delegados e traballadores do sector para analizar os retos que ameazan o futuro dunha industria estratéxica para Galicia, en especial para as comarcas de Vigo e Ourense.
Propostas sectoriais
Entre estes retos atópase a desaparición dos motores diésel, “algo terribelmente negativo para o noso país, xa que a principal factoría asentada no noso territorio produce vehículos para profesionais e de baixo custo, sectores que mercan fundamentalmente automóbiles diésel”. Polo tanto, consideran fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países.
O documento tamén recolle unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.
Nos vindeiros días a CIG trasladará o documento ao conxunto do sector (CEAGA, empresas e traballadores), á Administración pública e aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego.