O sindicato non cre que garanta una tarifa eléctrica industrial "predicíbel, estábel e competitiva"
A CIG alegará de novo ao estatuto electrointensivo
A CIG entende que o borrador do novo decreto electrointensivo non permite sentar as bases dunha tarifa industrial "predicíbel, estábel e competitiva" e cae nos mesmos erros que o primeiro texto: "indefinición sobre cuestións como a compensación por CO2, non libera a factura dunha parte importante dos custes alleos ao sistema, non é garantista en relación ao emprego e condicións laborais, e liga máis da metade do impacto económico que poida ter a medida ao que se aprobe nos Orzamentos Xerais do Estado", sinala o sindicato nun comunicado.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estivo na reunión en Madrid con ocasión da presentación do Estatuto por parte do Ministerio de Industria e o de Transición Ecolóxica, denuncia que, unha vez máis, "o Goberno español chega tarde e cunha proposta insuficiente para reverter a situación de crise nas industrias electrointensivas a causa dos elevados custes enerxéticos".
Segundo a CIG, no borrador do decreto, o prezo probable de redución na tarifa eléctrica vincúlase nun 57% con medidas que non están dentro do propio estatuto ou, no caso de contemplárense no texto da norma, teñen un carácter compensatorio e dependen dos Orzamentos Xerais do Estado. Neste senso, faise unha previsión de compensación polas emisións de CO2 de arredor de 5,5 euros menos por tonelada e en canto a compensación por cargos falase dunha media de 2-3 euros, mais todo ligado aos OXE. Sobre este punto, a CIG critica que o Goberno español non chegue ao máximo da compensación que permite a Unión Europea.
Doutra banda, Carril entende que a proposta do Goberno adoece de eliminar da tarifa actual moitas das peaxes que non teñen que ver co funcionamento do sistema eléctrico. "O Goberno non está indo por esa liña, onde se podería recortar unha parte substancial do custe enerxético", apunta.
No resto da porcentaxe de rebaixa, o Goberno encoméndase na "fe cega" ás PPAs "e a crer que existirá unha capacidade de produción por renovábeis que permita reducir o prezo da electricidade". "Polo tanto, valora Carril, non se establece a estrutura dunha tarifa industrial que sexa estábel, predicíbel e competitiva e que realmente sirva para frear as ameazas e o risco permanente sobre a actividade produtiva e miles de empregos ".
Esixencias ás empresas
En canto ás obrigas das empresas por acollerse estas bonificacións, a CIG denuncia que non se lle están a esixir ás compañías as garantías de emprego suficientes. "Nós entendemos que as esixencias ás empresas no só deberan estar relacionadas co mantemento do emprego no tempo, senón que entendemos que toda empresa que reduza en máis dun 20% a súa produción ou os postos de traballo actuais, ou que non respecte as condicións laborais, debera ser excluída automaticamente da posibilidade de recibir estas axudas".
Pero, pola contra, a formulación de garantía de emprego que recolle o Real Decreto permite ás empresas reducir até un 85% os seus cadros de persoal ou da actividade e seguir acollidas as axudas. Algo que para a CIG resulta inxusto e contrario aos propios principios motivadores do RD.