O sindicato denunciará á Inspección de Traballo as empresas que non actualicen as retribucións dos empregados
CCOO presenta unha campaña para esixir mellores soldos no sector da limpeza
Comisións Obreiras escolleu A Coruña como punto de partida da campaña pola negativa das empresas de limpeza a cumpriren coa suba salarial asinada cos sindicatos e que dá dereito a un incremento das retribucións do 9,8 %, o que significa ao redor duns cen euros o mes para cada limpadora a xornada completa.
Ademais de esixir o asinamento do que está pactado, o sindicato interporá centos de denuncias na Inspección de Traballo. CCOO considera que cada empresa que non actualice os salarios estará a cometer "unha fraude por infracotizacións" que na provincia da Coruña "pode superar os dous millóns de euros".
O sindicato coida que as Administracións non poden ollar para outro lado. "As empresas de limpeza incumpren sistematicamente os pregos de condicións", sinalou Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat. "Empresas como Eulen, cun gran número de contratos públicos, ou Clece, que presta servizos nos albergues do Camiño de Santiago ou nos xulgados, deben cumprir a normativa laboral e isto inclúe os incrementos salariais pactados".
Asemade, CCOO enviaralles cartas aos principais clientes destas grandes empresas, advertindo que, chegado o caso, serán codemandados debido a estes incumprimentos. Trátase de compañías como Inditex, Estrella Galicia, Finsa, Calvo, Cortiza, Frinsa, Ikea ou El Corte Inglés, entre outras.
Situación nas outras provincias galegas
CCOO sinalou que a situación do sector da limpeza nas catro provincias galegas amosa un denominador común: precariedade nas condicións e resistencias da patronal a calquera avance, incluso a respectar o salario mínimo interprofesional.
En Lugo, as patronais asinaron un convenio coa CIG (sindicato que ten a maioría), con táboas salariais por baixo do SMI e sen cláusula de revisión. "Ante esta aberración, estudaremos o convenio unha vez se publique para impugnalo e elevar os soldos" dos 15 019,29 euros anuais pactados aos 15 876 "que CCOO e UGT acordamos a nivel estatal no ámbito do diálogo social", explicou Alejandra Gesto.
Na provincia de Ourense, as empresas ofrecen soldos anuais 800 euros por baixo do SMI e tampouco acceden a asinar cláusulas de revisión salarial. «A negociación está moi lonxe de chegar a un acordo", resumiu a sindicalista.
En Pontevedra pechouse sen acordo a mesa de negociación. "a patronal pedía abrir a xornada a doce horas de traballo diarias, o que significaría décadas de retroceso na loita das traballadoras", denunciou a secretaria xeral de CCOO-Hábitat. O sindicato esixirá a aplicación da cláusula de revisión automática fixada para os casos en que a patronal se nega a negociar un novo acordo, o que dará dereito a unha suba do 3,1 % para este ano, "superior á oferta das propias empresas".