Cunha concentración en Santiago de Compostela
CCOO inicia as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell
Comisións Obreiras (CCOO) inicia este xoves 23 as mobilizacións contra o ERE no Banco Sabadell, convocando concentracións en diversas localidades do Estado, entre elas unha en Santiago fronte á oficina bancaria da rúa do Horreo, entre as 11 e 12 horas
22 sept 2021
Desde CCOO rexeitan a "inamovible" posición da dirección do Banco Sabadell na mesa de negociación do ERE —que afecta a 1.936 empregados— e defenden medidas alternativas. "Hai carga de traballo, non sobra persoal nin moito menos", sinala Arturo Cruzado, voceiro do sindicato.
O sindicato considera que con este ERE, que prevé tamén o peche de 320 oficinas en toda España, "verase prexudicado todo o persoal, máis de trece mil traballadores e traballadoras", sinala Cruzado, porque o banco pretende impoñer tamén medidas como a mobilidade xeográfica.
CCOO reitera que "hai alternativas"» aos despedimentos, como as saídas voluntarias, un acordo de prexubilacións e xubilacións anticipadas, recuperar traballos externalizados, teletraballo, recolocación en empresas do grupo ou reaxustes de salarios da alta dirección.