A previsión inicial é que afecte durante seis meses a 212 empregados
CCOO-Industria e CIG rexeitan o ERTE na refinaría da Coruña de Repsol
CCOO-Industria é consciente do contexto económico, pero non entende a adopción da medida contra un persoal que en cuestión dun ano pasou de ser considerado "esencial" a "prescindible". Para CCOO, a redución dos custos fixos laborais "queda moi lonxe" de ser a solución aos actuais problemas de Repsol Petróleo."Dificilmente unha parte tan pequena do problema, como os custos laborais, pode ser unha parte significativa da solución, polo que consideramos inxusta a medida", incide o sindicato.
Por último, CCOO-Industria repróchalle a Repsol Petróleo a "falta de empatía" respecto do que é o seu "principal activo, as traballadoras e traballadores".
Pola súa banda, a CIG afirma nun comunicado non "compartir nin entender ningunha das razóns que nos presenta a empresa para efectuar este movemento, mais tendo en conta que o horizonte de mellora da situación económica parece que irá ligado a un avance na vacinación da poboación mundial, feito que se está a producir agora mesmo Parécenos miserable que a empresa intente sacar tallada desta situación de pandemia para cargar nas costas dos de sempre as rebaixas salariais que propón na negociación do Acordo Marco e amedrentarnos a través dun ERTE totalmente inxustificado".