Primeiro de Maio

CCOO e UGT: que a clase obreira "non pague os pratos rotos" da crise

Os sindicatos CCOO e UGT chaman a mobilizarse o Primeiro de Maio para que a clase obreira "non pague os pratos rotos" desta crise. Ambos sindicatos mobilizaranse conxuntamente en sete localidades galegas; a maiores, CCOO manifestarase noutras dúas máis.

 

CCOO e UGT: que a clase obreira "non pague os pratos rotos" da crise
José Antonio Gómez (UGT) e Amelia Pérez (CCOO) presentaron os actos do Primeiro de Maio.
José Antonio Gómez (UGT) e Amelia Pérez (CCOO) presentaron os actos do Primeiro de Maio.
A secretaria xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO,) Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT - Galicia, José Antonio Gómez, participaron nunha rolda de prensa conxunta para presentar as mobilizacións do próximo 1 de Maio, Día Internacional dos Traballadores.

Os sindicalistas explicaron que este Primeiro de Maio terá lugar nun contexto especialmente adverso como consecuencia da guerra de Ucraína, os "disparatados" prezos da electricidade e dos combustibles e a inflación "descontrolada". Baixo o lema "A solución: subir salarios, conter prezos, máis igualdade", CCOO e UGT esixen que os poderes públicos tomen medidas para conter os prezos e evitar a perda de poder adquisitivo.

Segundo Amelia Pérez, «reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade». Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia «son o que ao final mellora a vida das persoas», apuntou a dirixente sindical.

A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. «Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo», advertiu.

Tamén apelou a conter os prezos, situación que non prexudica só as persoas máis vulnerables, senón tamén as familias que traballan «e que aínda así non chegan a final de mes como consecuencia do aumento da inflación e calquera imprevisto lle rompe as costuras á economía doméstica», puntualizou a sindicalista.

Finalmente, reclamou máis igualdade, "porque iso significa máis xustiza social". Neste sentido apelou a aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas.

Manifestacións conxuntas

O acto central das mobilizacións do 1 de Maio de UGT  e CCOO terá lugar na Coruña ás 12 horas. Ambos os dous sindicatos tamén teñen convocadas manifestacións conxuntas, á mesma hora, en Ferrol, Santiago, Ourense e Pontevedra; ás 11:30 horas en Vigo e ás 12:30 horas en Vilagarcía de Arousa. Pola súa banda, Comisións celebrará esta xornada de maneira independente en Lugo (cunha concentración a mediodía) e en Viveiro (cunha manifestación ás 11:45 horas).

CCOO e UGT: que a clase obreira "non pague os pratos rotos" da crise