Previsto para o luns 28 de marzo
CCOO e CIG rexeitan o peche patronal da hostalería coruñesa polo impacto nos traballadores
A federación de Servizos da CIG amosou o seu total rexeitamento a unha “medida ilegal” que deixará “totalmente desprotexidas” as persoas traballadoras do sector. Dende a central sindical instan a patronal da hostalería a optar por outras accións que non prexudiquen as persoas empregadas, ás que a CIG recomenda non deixar de acudir ao seu posto de traballo.
Segundo o recollido polos medios de comunicación, a proposta do peche patronal previsto para este luns día 28 partiu da Federación de Hostalería da Coruña, que lla tería traslado ao resto de federacións provinciais e asociacións empresariais do sector para que decidan se se suman á iniciativa. Na CIG lamentan que o empresariado non se tivese posto en contacto cos sindicatos maioritarios no sector para informarlles da medida. “Polo menos a nós ninguén nos comunicou nada a respecto dunha decisión tan importante, e iso que temos aberta a mesa negociadora do convenio provincial da Coruña”, sinalan.
Desde o sindicato fan fincapé en que a xurisprudencia do Estado español non recoñece o peche patronal como un dereito fundamental e só o xustifica nos casos de risco de violencia para as persoas e as cousas, ocupación ilegal do centro de traballo ou polo volume da inasistencia ou irregularidades do traballo. “Ningunha destas premisas se dá nestes momentos, polo que a medida non tería xustificación e sería ilegal”. Ademais, na CIG-Servizos consideran que se trata dunha iniciativa “totalmente innecesaria e inoportuna” tendo en conta que o sector comeza a recuperarse das consecuencias derivadas da pandemia da covid e que se poden levar a cabo outras medidas de presión contra a alza dos prezos sen prexudicar as persoas traballadoras
Pola súa banda, a Federación de Servizos de CCOO de Galicia advirte que o peche patronal anunciado pola Asociación de Hostelería da Coruña non pode afectar aos dereitos laborais. O sindicato aclara que este paro non é unha folga de traballadores e traballadoras asalariadas, senón unha medida promovida polas empresas, de maneira que non pode ter impacto ningún nas condicións de traballo. Entre outras cuestións, CCOO-Servizos recalca que esta decisión empresarial non pode repercutir nos salarios das persoas traballadoras, nin no seu dereito ao descanso semanal ou día libre correspondente; tampouco cabe ningún desconto nas nóminas, nin modificación de xornada ou compensación con día de libranza establecido.
O sindicato advirte que non vai consentir que un peche patronal, xestionado de forma unilateral e por iniciativa das empresas, "se leve a cabo á custa do salario e o dereito ao descanso do persoal da hostalaría". Por esta razón, CCOO-Servizos ponse ao dispor de todas as persoas traballadoras para que, en caso de incumprimentos, "nos comuniquen as incidencias co fin de denunciar ante a Inspección de Traballo as irregularidades ou ilegalidades cometidas".