Recollen a suba do 9,8 % esixida polo sindicato
CCOO asina as táboas salariais do convenio da limpeza da Coruña
Delegadas e delegados de Comisións Obreiras congregáronse na praza coruñesa de Luís Seoane para celebrar que finalmente o resto de sindicatos e a propia patronal asumisen as teses defendidas por esta organización. O incremento salarial, xunto co pagamento dos atrasos correspondentes, deberase facer o máis tardar o vindeiro 31 de xullo, explican desde CCOO-Hábitat.
CCOO-Hábitat defendeu en todo momento que, conforme recollía o convenio, os salarios debían revalorizarse para afrontar a suba do IPC e que era a comisión paritaria (composta polos sindicatos e a parte empresarial) a encargada de aprobar as novas táboas salariais.
Pola contra, os sindicatos UGT e CIG estaban dispostos a prorratear en varias anualidades a suba que lles correspondía aos traballadores e traballadoras do sector, unha postura "inaceptable" para CCOO.
Finalmente, e tras presentar Comisións un informe xurídico avalando a potestade da comisión paritaria, chegouse a un acordo para o asinamento das novas táboas, que recollen a revalorización do 9,8 % reivindicada por CCOO. Para este sindicato tamén foi "determinante" no cambio de parecer das empresas a campaña informativa iniciada hai varias semanas, con cartas dirixidas aos seus principais clientes en que se advertía da súa responsabilidade se non se producían os incrementos acordados no convenio.