A oficina entrou en funcionamento en maio
Carballo adhírese á Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial
O Concello de Carballo asinou un convenio coa Cámara de Comercio de A Coruña para apoiar a Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial de A Coruña e a súa área de influencia (OPTI), en funcionamento desde o mes de maio.
A Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial ten como principal obxectivo captar para A Coruña investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0. Así mesmo, as actuacións que se realicen estarán aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local.
Esta oficina promovida pola Cámara de Comercio de A Coruña conta ademais co respaldo da Autoridade Portuaria e da Universidade da Coruña, integradas no Padroado da Fundación que se encarga da súa xestión. Ne nos próximos meses está previsto subscribir convenios de colaboración con outras entidades, públicas e privadas da área.
Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial
O Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa Área de Influencia, promovido pola Cámara, propón tres grandes obxectivos: mellorar os factores básicos de localización industrial; a mellora competitiva da industria local que garanta a súa supervivencia e localización na área metropolitana; e un maior grao de proactividade na atracción de investimentos industriais para a área.