A data concreta decidirase unha vez se levante o estado de alarma
A BFFood amplía o prazo de inscrición para a primeira convocatoria de consolidación
A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia, amplía o período de inscrición de candidaturas á súa primeira convocatoria de consolidación. A data definitiva de peche de recepción de propostas decidirase unha vez que finalice o estado de alarma.
O programa de consolidación da Business Factory Food (BFFood) está enfocado a empresas xa constituídas, con menos de seis anos de antigüidade, cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas, e aliñadas con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario.
Ata seis proxectos poderán ser seleccionados nesta convocatoria de consolidación na que recibirán formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento mediante un préstamo participativo de XesGalicia, que podería levar consigo unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros.
A nova convocatoria da BFFood conta co apoio de grandes empresas tratoras do sector, como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira, que se encargarán do proceso de mentoría dos proxectos que resulten seleccionados.
Entre as entidades colaboradoras atópanse, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que forman parte do comité técnico. Pola súa parte, Gradiant, Coremain, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, ASM, Cesga, a Asociación Área Empresarial do Tambre e Sigillum Knowledge Solutions integran o comité asesor da aceleradora.