A sección sindical da CIG reclama o mantemento de todos os postos de traballo e dos servizos á clientela
BBVA comunica a apertura do proceso de negociación dun ERE para 3.000 empregados
Mentres a sección sindical da CIG en BBVA levaba a cabo unha mobilización en Vigo polo mantemento dos postos de traballo e contra a restrición de servizos á clientela, a dirección do banco comunicou o inicio, o próximo día 16, do proceso negociador do expediente de regulación de emprego para 3.000 traballadores.
Diante disto, a CIG anuncia que a central sindical estará presente mesa de negociación “para pelexar polos postos de traballo, pois no banco non sobra ninguén; máxime tendo en conta que a clientela segue demandando servizos presenciais e atención directa por persoas, pese aos procesos de dixitalización forzada e forzosa á que a quere someter o banco”. Mais adiantan que seguirán a mobilizarse para denunciar “as actuacións inmorais” do banco e na defensa do emprego.
Dende a sección sindical da CIG no BBVA denuncian que a entidade financeira ten en marcha unha política de restricións de servizos que afecta gravemente á clientela e coa que pretenden xustificar os despedimentos, como o cobro de dous euros de comisión a quen retira efectivo da propia conta, restriccións no horario ou eliminación do servizo de caixa das oficinas, peche oficinas e redución dos postos de atención á clientela, ou a problemática das colas, "unha falta de respecto cara a clientela; estar de pé pasando frío, calor, baixo a choivaou con xeada é inhumano. Normalmente quen sufre esta situación é a xente maior. Cando se fai para que a clientela se aburra e opte pola banca dixital é repugnante", critica o sindicato..