O COAG ofrece a súa plataforma dixital para simplificar a tramitación das licenzas

A axilización da tramitación de licenzas e a aposta pola rehabilitación, prioridades para os arquitectos de Pontevedra

A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia analizou en rolda de prensa a afectación e problemáticas da profesión arquitectónica xurdidas e detectadas coa crise xerada pola pandemia do covid-19.
A axilización da tramitación de licenzas e a aposta pola rehabilitación, prioridades para os arquitectos de Pontevedra
do presidente da delegación, Anselmo Villanueva, a secretaria, María Pierres, e o tesoureiro, Carlos Berride
O tesoureiro da delegación de Pontevedra do COAG, Carlos Berridedo o presidente da delegación, Anselmo Villanueva, e a secretaria, María Pierres.

A rolda de prensa contou coa asistencia e intervención do presidente da delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Anselmo Villanueva, a secretaria, María Pierres, e o tesoureiro, Carlos Berride.

Ante a especial situación que se está a vivir a raíz da crise sanitaria, Anselmo Villanueva destacou tres temas que afectan especialmente á profesión, que aínda que xa existían con anterioridade se agudizaron nesta nova situación, e por suposto, unha problemática que atinxe tamén a toda a cidadanía.

En primeiro lugar, Anselmo Villanueva fixo referencia á necesidade urxente de aplicar medidas de axilización das tramitacións de licenzas, especialmente daquelas que afectan á posta en marcha de actividades empresariais e comerciais. O colectivo dos arquitectos da delegación de Pontevedra solicita unha “maior sensibilidade” por parte dos axentes responsables das concesións de licenzas dos distintos servizos, tanto das Administracións locais como das Administracións autonómicas e estatais, para que se axilicen os trámites o máis posible e se poidan poñer en funcionamento as actividades e negocios canto antes. “Este non é un problema dos arquitectos, é un problema social e é responsabilidade das institucións facilitar no máximo posible a posta en funcionamento e a concesión das licenzas que precisan os cidadáns” –sinalou–.

Outro punto de interese para o colectivo que se analizou no acto foi a tramitación das licenzas dixitais, a través dunha plataforma que o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) está ofrecendo a todos os concellos galegos. Este procedemento permite axilizar e simplificar a tramitación das licenzas ao facilitar que o concello poida descargar a documentación técnica dos solicitantes a través da plataforma dixital do COAG. Anselmo Villanueva indicou que se trata dunha oportunidade perfecta para reducir os contactos coa administración e conseguir unha maior trazabilidade dos expedientes. 

Entre os beneficios, a plataforma permite unha minoración de custos económicos e de cargas administrativas para as persoas solicitantes e garante a transparencia e seguridade na trazabilidade dos expedientes. “Ofrece un acceso equitativo e transparente para todos os concellos, con garantía xurídica para o cidadán. Vigo e Lugo xa teñen o convenio de colaboración asinado co Colexio de Arquitectos de Galicia, e o Concello de Pontevedra amosou o seu interese para selar este acordo”, explicou Villanueva.

Rehabilitación

Outro punto de interese da Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia é a rehabilitación. O seu presidente solicitou ás Administracións Públicas que se inclinen dunha maneira “seria e decidida” pola rehabilitación, é dicir, “apostar polo benestar e a creación de postos de traballo. Ademais, os arquitectos piden a ampliación dos prazos para solicitar as axudas á rehabilitación, para que os cidadáns poidan ter maior dispoñibilidade e flexibilidade no acceso a este trámite, xa que actualmente hai que facelo con cita previa, e só está aberto durante un mes. E  para democratizar e garantir que a xente poida ter acceso a este servizo, consideran que o mellor é ampliar durante todo o ano os prazos das axudas á rehabilitación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade. “A aposta pola rehabilitación e as súas axudas é un pacto firme pola sustentabilidade, o emprego de pequenas e medianas empresas e autónomos, e en definitiva, apostar polo benestar social, a renovación urbana e a vivenda pública”, manifestou o presidente dos arquitectos pontevedreses.

Actualmente, aínda que se aprecia unha baixada no número de proxectos de vivenda nova polo contexto económico, o presidente comentou que moitas persoas están visitando nos últimos meses estudios de arquitectura para informarse sobre obras de rehabilitación, principalmente para as segundas vivendas no rural ou para conseguir espazos de calidade na contorna urbana.

A axilización da tramitación de licenzas e a aposta pola rehabilitación, prioridades para os arquitectos de Pontevedra