Incorpora o o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e créase unha Comisión de coordinación da industria e dos recursos forestais
A Axencia Galega de Industrias Forestais incorpora novos recursos e servizos
María Jesús Lorenzana fixo este anuncio durante unha visita ao Serradoiro de Tuiriz, en Pantón (Lugo), unha empresa que leva case 60 anos no sector da primeira transformación da madeira e que a conselleira de Economía e Industria cualificou como “modelo” pola súa dixitalización, eficiencia enerxética e a incorporación de enerxía fotovoltaica, así como pola súa aposta por unha comercialización do recurso con venda en liña.
Segundo o decreto aprobado este lunes polo Consello da Xunta, a partir de agora, para mellorar a coordinación dos centros de investigación en materia forestal, a Axencia Galega de Industrias Forestais (Xera) vai incorporar o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que se suma ao CIS-Madeira (San Cibrao das Viñas, Ourense), xa integrado. Para dirixir este último, créase unha xefatura de servizo dependente da Área de Innovación Forestal.
En segundo lugar, vaise poñer en marcha a Área de Información forestal, que será a encargada da creación e mellora de sistemas de información e estatística forestal de Galicia, que permitan facer diagnoses adecuadas e que serán unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal e da madeira.
Xunto con isto, crearase, tamén, unha Comisión de coordinación da industria e dos recursos forestais para garantir a axeitada coordinación entre ambos os dous eidos de actuación. Nesta comisión participará persoal das consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural; nomeadamente, da Axencia Galega da Industria Forestal e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, que poderán estar asistidas por técnicos e expertos.
Mesmas funcións e obxectivos
O órgano encargado da política industrial forestal en Galicia, cambia na estrutura interna da Xunta pero as súas funcións e obxectivos non varían. Seguen sendo proseguir natarefa de incrementar a competitividade do sector forestal-madeira. De feito, as liñas de actuación irán orientadas, como ata o de agora, a aumentar o valor do recurso utóctono; mellorar a profesionalización e cualificación do capital humano para o manexo no sector de tecnoloxías máis avanzadas; desenvolver novos procesos, produtos e usos da madeira; e, todo iso, desde a máxima coordinación cos centros de investigación en materia forestal.
A conselleira de Economía e Industria apuntou que este sector que crea preto do 2% do emprego total en Galicia, e que o conxunto de ramas industriais da cadea forestal-madeira están contribuíndo desde 2016 a unha achega estable de, polo menos, o 12% do emprego industrial. A isto hai que sumarlle que Galicia conta cunha superficie forestal de máis de 2 millóns de hectáreas, con todo o que iso supón para as empresas e familias que viven da produción e comercialización de produtos forestais e transformados da madeira.