Marisol Espiño, de Termas de Cuntis
A Asociación de Balnearios de Galicia elixe nova presidenta
A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar asemblea xeral ordinaria na que elixiu a súa nova xunta directiva, que estará presidida por Marisol Espiño, xerente de Termas de Cuntis, que substitúe no cargo a Antonio Garaloces, director do Balneario de Lugo-Termas Romanas.
O resto da xunta directiva compóñena o vicepresidente, Antonio Garaloces, do Balneario de Lugo; o secretario, Jesús Garriga, de Caldas de Partovia; o tesoureiro, Bruno Figueroa, do Balneario de Carballo; como vogal Laura Gómez, do Balneario de Mondariz; e o xerente da Asociación, Benigno Amor.
No transcurso da asemblea aprobáronse as contas e presupostos, así como a memoria correspondente ao exercicio 2016. Deuse conta do plan de actuacións para este ano, destinado a poñer en valor o sector termal galego. Analizouse a divulgación social das iniciativas desenvoltas polo sector, en particular as relativas á actividade da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, entre as que destaca a elaboración dun “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia”, que se presentará a vindeira semana.
A protección das augas minerais subterráneas
Durante a xuntanza presentouse un informe realizado pola Comisión Xurídica da Asociación, relativo á normativa que deben ter en conta os técnicos en urbanismo dos Concellos nos que existen perímetros de protección de augas minerais á hora de tramitar solicitudes para aproveitamentos xeotérmicos, pozos e sondaxes.
Neste informe saliéntase que “a mellor maneira de conseguir a protección absoluta contra a contaminación dunha captación de augas minerais sería impedir todo tipo de actividade potencialmente contaminante sobre a área de recarga da mesma. Pero, ao tratarse dunha medida imposible de levar a cabo polas implicacións técnicas e sobre todo económicas que suporía, resulta máis axeitado definir os perímetros de protección”. Nesta liña, considérase a necesidade de establecer un sistema de zonas rodeando a captación, no interior das cales se restrinxen ou prohiben de maneira graduada, en función da proximidade á mesma, as actividades susceptibles de modificar a calidade da auga subterránea”.
“O perímetro de protección fixado outorga ao titular do aproveitamento do acuífero a garantía de que a Administración adoptará as medidas precisas para que dentro do mesmo non se realicen actividades que poidan prexudicar o normal aproveitamento das augas minerais” -indican dende Balnearios de Galicia.
20 balnearios integrados
A Asociación de Balnearios de Galicia naceu no ano 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Na actualidade está integrada por un total de 20 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, Augas Santas (Pantón) e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.