Aliviará os problemas de tráfico na contorna dos polígonos de Costa Vella e A Sionlla
A Asociación Área Empresarial do Tambre celebra a licitación do enlace orbital
O enlace orbital permitirá a conexión entre a AP-9, a A-54 e o aeroporto de Lavacolla. Cun orzamento de 25.127.779 euros, a construción deste enlace consistirá nunha glorieta superior sobre o tronco da AP-9 e catro ramais .
O presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés, sinala que a licitación das obras do enlace orbital é unha gran noticia para Santiago de Compostela, unha infraestrutura que permitirá aliviar o “problema de tráfico que todas as fins de semana ou en momentos puntuais de fluxo comercial sofren os polígonos, principalmente de Costa Vella e A Sionlla”, que previsiblemente contará cunha maior implantación de empresas a medio prazo. O presidente incide nos problemas graves de tráfico que se producen actualmente nas rotondas de acceso aos polígonos, cos vehículos que queren acceder á área empresarial e tamén cos que se dirixen cara o Milladoiro e A Coruña, e que ao seu parecer o orbital vai solucionar. Ademais, explica que o orbital permitirá un mellor desenvolvemento do Hub Dixital previsto, así como do proxecto industrializador A Sionlla Biotech Madeira.
Alborés lembra que a construción do orbital xa fora unha petición que a Asociación fixo cando se realizou a ampliación da AP-9 á altura da área industrial de Compostela, momento no que se debería ter feito o enlace pois xa daquela había proxecto..