O acordo coa patronal foi asinado por CCOO e UGT, pero non pola CIG
Asinado o convenio de residencias privadas de maiores
O novo convenio de residencias privadas de maiores levaba negociándose desde o 2020 e, tras un conflito que incluíu mobilizacións e folga, chegou a bo porto cunha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais.
O novo convenio terá vixencia ata o 31 de decembro do 2023 e inclúe distintas melloras económicas e laborais que serán de aplicación a todo o persoal das residencias privadas de maiores. Segundo detallan desde a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO, o convenio inclúe unha importante mellora salarial para todas as categorías profesionais, que chegará ao 7,5 % ao remate da vixencia do convenio. Ademais, por vez primeira en máis de 15 anos, o convenio recolle unha redución da xornada laboral anual, que será de sete horas no 2022 e outras sete no 2023.
O convenio tamén recolle outras melloras de carácter económico e social, como os permisos e o seu gozo, melloras nas cantidades que se percibirán nas pagas extraordinarias ou no aboamento correspondente ás vacacións. Doutra banda, CCOO-Sanidade salienta que, dada a escasa vixencia do convenio —pouco máis de ano e medio—, senta unhas "bases sólidas" para a negociación dun novo acordo xa a partir do ano 2024, no que Comisións traballará para incluír máis melloras"que redunden no necesario recoñecemento e posta en valor do persoal dun sector esencial".
A CIG desmárcase
A CIG non asinou o convenio colectivo de residencias da terceira idade e centros de día privados ao considerar que non garante unhas condicións laborais dignas. Segundo valora a central sindical, o acordo non recolle unha cláusula de revisión salarial en base ao IPC nin contempla unha suba de soldos para os anos 2020 e 2021, polo que non garantirá o poder adquisitivo das arredor de 10.000 traballadoras do sector. Así como tampouco introduce melloras sociais como a redución da xornada anual ou a ampliación das licenzas.
A central celebrou asembleas de delegadas sindicais e de traballadoras do sector para analizar contido do preacordo ao que se chegara co empresariado o venres pasado, nas que se optou maioritariamente por rexeitar a proposta. En consecuencia, a CIG non participou da sinatura do convenio que si subscribiron CCOO e UGT.
Dende a CIG anuncian ademais que continuarán na loita para mellorar os ratios de persoal, polo que a central sindical vai poñer en marcha unha campaña para denunciar a responsabilidade da Xunta na sobrecarga de traballo e das condicións laborais de precariedade que padecen as empregadas das residencias e dos centros de día.