Para os días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro
Anuncian tres xornadas de folga no sector conserveiro
Os sindicados denuncian que a última proposta da patronal conserveira non garante o poder adquisitivo dos cadros de persoal e non remata coa fenda salarial entre mulleres e homes.
Segundo explican dende a FGAMT-CIG do Salnés, a decisión de convocar xornadas de folga foi adoptada tras comprobar que as achegas do empresariado na última xuntanza celebrada o pasado luns 27 non recollen as principais reivindicacións das persoas traballadoras do sector. Diante disto, as centrais máis representativas optaron por convocar tres días de folga de 24 horas.
Nesa reunión a patronal propuxo un incremento salarial do 2,30% para 2021, do 3% para 2022, do 2% para 2023 e do 0,50% para 2024, subida que a CIG considera "insuficiente" xa que" non se garante o poder adquisitivo ao non contemplar unha revisión conforme ao IPC nin o cobro de atrasos". En canto á equiparación salarial dos grupos 5 e 6, pasouse de non contemplar ningunha subida adicional para a categoría de auxiliar a unha nova proposta de incremento adicional dun 0,2%. Para a CIG segue a ser "insuficiente porque non remata coa fenda salarial entre as categorías ocupadas maioritariamente por mulleres (produción) e as dos homes (oficios varios)".
No que ten que ver coa xornada, a patronal desiste da súa intención de ampliar a xornada de luns a domingo e tamén retira a proposta de que até un 75% do persoal puidera traballar os sábados até as 14 horas. Ademais, aceptou a proposta da CIG de eliminar que a non utilización dos EPI sexa considerada falta moi grave. Tras a proposta da CIG de que o persoal teña unha licenza para acompañamento ao médico de crianzas e persoas maiores a cargo, a patronal accedeu a que as 16 horas médicas actuais se poidan usar tamén para este fin.
Dende a central sindical anuncian que seguirán a traballar e a mobilizarse para conseguir un convenio que non supoña unha perda de poder adquisitivo e que mellore os dereitos laborais do persoal do sector conserveiro.