Primeira visita da secretaria xeral de CCOO a Ferrolterra
Amelia Pérez: "As administracións non poden abandonar Ferrol á súa sorte"
Para a dirixente sindical, as Administracións competentes na materia téñense que poñer de acordo. "Tanto nos teñen as cores políticas, porque non poden andar pasando a bóla entre elas", reprochou Pérez.
Nos últimos anos, a comarca de Ferrol perdeu poboación "a pasos axigantados", pero tamén perde industria e servizos. "Non se pode abandonar unha comarca á súa sorte; as Administración débenlles á cidadanía e aos traballadores poñerse de acordo", insistiu a sindicalista.
Na xuntanza entre as direccións nacional e comarcal de CCOO "estamos marcando os pasos a dar a partir de setembro", explicou Pérez. "O cambio de modelo produtivo, de transición ecolóxica e dixital, non pode levar aparellado que quede alguén atrás", advertiu a secretaria xeral. "Son traballadores e traballadoras con nomes e apelidos, con fillos", apuntou a sindicalista.
Peches de industrias en Ferrolterra
"Estamos a traballar na posta en común e trazando unha folla de ruta para este outono porque cómpre mobilizarse conxuntamente co resto de centrais para frear a perda de tecido industrial da comarca", manifestou, pola súa banda, José Hurtado, secretario comarcal de CCOO Ferrol.
O sindicalista salientou a importancia desta primeira visita da Executiva Nacional a un territorio, "poñendo claramente o foco en Ferrolterra» pola complexidade da situación. A comarca vese lastrada polo anuncio do peche de Endesa As Pontes e a perda de emprego nas auxiliares; a falta de carga de traballo no naval da ría; os peches de Gamesa nas Somozas, de Poligal, de Noa Madera... Tamén pola destrución de emprego causada por varias cadeas multinacionais e firmas que alimentaban o comercio local —como Mango ou Zara Home—; os despedimentos en Cándido Hermida ou a sucesión de ERE e ERTE en ducias de pequenas e medianas empresas, como o ERE extintivo de Maessa que deixará na rúa case medio cento de persoas".