Será un mandato con vocación continuista
Alfonso Blanco, elixido presidente do Clúster Audiovisual
O director xeral da produtora Portocabo, Alfonso Blanco, foi elixido novo presidente do Clúster Audiovisual Galego tras ser apoiado por unanimidade polos socios na asemblea xeral extraordinaria celebrada este martes.
A asemblea do Clúster Audiovisual Galego tamén ratificou o resto de integrantes da nova xunta directiva para os vindeiros tres anos.
Neste novo período, o presidente Alfonso Blanco (Portocabo) estará acompañado polo vicepresidente Gaspar Broullón (Ollovivo Producións), o tesoureiro Manolo López Cernadas (TEX45 Producións) e os vogais Fernanda Tabarés (Voz Audiovisual), Borja Pena (Vaca Films), Luisa Romeo (Frida Films) e Óscar González (Instituto Tecnolóxico de Galicia). A secretaria-xerente seguirá sendo Mar Varela.
O novo presidente aproveitou para agradecer ao seu antecesor, Jorge Algora, estes seis anos de “traballo excepcional”, de maneira destacada ampliando a masa de socios do clúster e converténdose nunha “entidade plural”.
Alfonso Blanco agradeceu a confianza depositada polos socios nel e no resto de compañeiros da xunta directiva, que arranca o mandato con gañas e ilusión. Asume o cargo con vontade continuista e avoga por seguir traballando para “que o Clúster sexa o máis representativo posible de todo o sector e sumar a novos asociados”.
Para Alfonso Blanco estamos no “mellor momento histórico do sector en Galicia” e o estado maduro no que se encontra este fai que as liñas de actuación do Clúster para os próximos anos deban ir dirixidas cara a consecución dunha Film Commission de ámbito autonómico ao lado do Goberno galego, a obtención de fondos europeos de carácter industrial para o sector, a apertura e aproveitamento das novas infraestruturas de rodaxe na Cidade das TIC, ou avances nas accións de internacionalización. Tamén apuntou como liñas estratéxicas da entidade os ámbitos formativos e de innovación, nos que se espera desenvolver proxectos tractores en ambos campos que sexan útiles e de interese para as empresas e os profesionais do sector.
Alfonso Blanco toma así o relevo á fronte do Clúster do director e produtor Jorge Algora, quen dirixiu a entidade desde 2017. Durante dous mandatos, o presidente saínte e o seu equipo realizaron unha labor moi positiva tanto para o clúster como para os intereses dos seus asociados.
Nestes últimos anos incrementouse de maneira notable o número de socios da entidade, potenciáronse accións estratéxicas no ámbito da internacionalización, innovación e dinamización do sector, promovéronse novos proxectos de especial relevancia para o futuro do audiovisual galego, e creouse unha rede nacional de clústeres audiovisuais co obxectivo de conectar intereses territoriais comúns e mellorar a industria audiovisual.
Traxectoria de Alfonso Blanco
Considerado como un dos showrunners máis importantes do noso país, Alfonso Blanco é CEO e produtor executivo de Portocabo. Nos máis de 10 anos de traxectoria da compañía, conseguiu posicionala nos principais mercados europeos de coprodución e establecer unha extensa rede de alianzas para producir ficción para o mercado global.