O prezo de venda aumentou máis de 11 céntimos no último ano, pero o pago aos produtore só 3,7 céntimos
Agromuralla e Unión de Consumidores de Galicia monitorizarán os prezos do leite
O leite está a ser un dos produtos que máis se está a encarecer na cesta da compra para o consumidor; non obstante, esa revalorización non está a chegar aos produtores, afogados neste momento polo incremento dos custos de produción. Segundo os datos do INE, o leite enteiro subiu de media un 11,5%, entre marzo de 2021 e marzo de 2022, pero mentres que para o consumidor o prezo aumentou máis de 11 céntimos, o incremento trasladado aos produtores quedou en 3,7 céntimos, explican desde Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal).
Detectar ese desfase entre o que paga consumidor e o que percibe realmente o gandeiro é o obxectivo do observatorio de prezos lácteos que poñen en marcha Agromuralla e a Ucgal que será presentado este mércores en Lugo. A iniciativa do observatorio creado mediante a colaboración de ambas entidades xorde da necesidade de integrar os intereses dos gandeiros e os intereses dos consumidores, cada vez máis conscientes da problemática que afecta ao sector produtor e máis implicados tamén no obxectivo de avanzar na nosa soberanía alimentaria.
A creación deste observatorio permitirá monitorizar a evolución dos prezos tanto en orixe como no lineal de venda, para extraer distintas conclusións: por unha banda, poder observar cara onde van os incrementos de prezos que paga o consumidor e se realmente estes están a chegar ao produtor ou quedan polo camiño. De igual forma, interesa coñecer o tempo que transcorre desde que se producen os incrementos que paga os consumidores ate que, total ou parcialmente, se trasladan aos produtores. Do mesmo xeito, tamén permitirá coñecer as marxes económicas coas que traballan os gandeiros e comprobar se os produtores ven repercutidos os custos de produción, tal como establece a Lei da Cadea Alimentaria. Ambas as organizacións consideran que este observatorio permitira “ir retratando progresivamente” aos distintos axentes que interveñen na cadea de valor dos produtos lácteos.
Metodoloxía
Dado que o obxectivo do estudo é coñecer os tempos e a traslación de prezos ao produtor desde que se aplican subas nos lineais de venda, ambas as entidades están a utilizar os que consideran datos mínimos comparables. Así no caso do consumidor os datos reflexarán a evolución do prezo do brick de leite enteiro (o que menor transformación sofre) e no caso do produtor o prezo do litro de leite base, xa que por mor das técnicas contractuais empregadas pola industria non é posible comparar o réxime de primas e penalizacións que de forma tan diferente utilizan nos seus contratos ou liquidacións.
Observatorio do sector lácteo
A iniciativa de Agromuralla e a Ucgal xorde cando a Xunta de Galicia está tratando de por en funcionamento o Observatorio Lácteo de Galicia. A xuízo de ambas entidades, o proxecto de decreto que o deseña xorde con diversas eivas, en especial no tocante ao tratamento de terceiro nivel que se da ao máis numeroso elo da cadea.
Porén, mentres non comeza a funcionar, gandeiros e consumidores porán a andar esta iniciativa que, con perspectiva de permanencia, pretende que sexa "áxil e funcional, aportando datos reais sobre a evolución dos prezos nos lineais de venda e como estes repercuten nos produtores”