A asociación de gandeiros asegura que estanse a producir baixadas de prezos nos contratos
Agromuralla denuncia a utilización "perversa" da Lei da Cadea Alimentaria polas industrias lácteas
Segundo alerta o presidente de Agromuralla, Roberto López, "estanse a producir baixadas de prezos nos contratos que tocaba renovar a 31 de xuño e mesmo modificacións á baixa tamén en contratos asinados meses atrás e xa en vigor". Ademais, aínda que algunha empresa se compromete expresamente nos seus contratos a pagar por enriba dos custos de producción que publique o Ministerio e outras cúbrense as costas unicamente transcribindo literalmente o artigo da Lei da Cadea de Valor que establece esta obriga, o criterio xeneralizado é que as industrias inclúen a cláusula dos custos de producción responsabilizando ao productor, no sentido de facerlle asinar por escrito que o productor declara que o prezo pactado cubre os custos de producción, aínda que non exista elemento obxectivo algún que probe tal circunstancia.
Para Agromuralla, "as empresas estanse a valer de desculpas e artimañas para empeorar as condicións aos produtores". "Primeiro foi o coronavirus e agora a adaptación á última modificación da Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a que os prezos en orixe pagados aos produtores cubran os custos de produción. Coa desculpa da necesaria adaptación dos contratos a esa nova cláusula, as empresas están a aproveitar para revisar outras condicións que nada teñen que ver con esa circunstancia", alerta Roberto López.
Utilización perversa da ley
Agromuralla solicita das distintas administracións con competencias na materia, tanto a galega como a estatal, "vixiar e poñer coto a esta utilización perversa da Lei da Cadea". "A cláusula que obriga a cubir, cando menos, os custos de produción, está pensada para salvagardar uns ingresos dignos aos produtores. Sen embargo, non se está a cumprir porque as industrias estanlle a dar a volta ao sentido da norma e están a trasladar esa responsabilidade aos propios gandeiros, facéndolles asinar contratos nos que se di que o prezo que lles pagan cubre eses custos", explica Roberto López.
Para a asociación de gandeiros Agromuralla, "estas prácticas, que vulneran claramente o espíritu da última modificación da Lei da Cadea, son unha consecuencia dun cambio normativo mal executado, pois o Ministerio incluiu na lexislación a cláusula dos custos de produción pero sen determinar como se teñen que calcular, o que dá pe a unha interpretación subxectiva da norma".
Agromuralla reclama a fixación oficial de custos de produción actualizados
"Semella que cando se aprobou o cambio normativo, como consecuencia das protestas dos agricultores e gandeiros a principios de ano en distintos puntos do Estado, o ministro Luis Planas estaba máis preocupado por lavarse as mans do problema que por resolvelo, pois non aportou as ferramentas necesarias para o cumprimento efectivo da Lei", asegura Roberto López, que reclama en nome de Agromuralla "que se establezan con carácter oficial cales son os custos de produción actualizados por comunidades autónomas, aos que se deberían vincular os contratos de compra do leite ás explotacións".
Agromuralla lembra que os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura relativos aos custos de produción de leite son do ano 2017 e definen un custo de produción por litro de leite para o caso das explotacións galegas de 39 céntimos, cando "ningunha empresa está a pagar o leite a ese prezo e a maioría das industrias están a asinar contratos a un prezo base de 29 céntimos, 10 céntimos por debaixo, polo tanto, do teórico custo de produción establecido fai 3 anos", denuncia a asociación de gandeiros.
Pretexto para modificar á baixa contratos en vigor
Dado que a inclusión da cláusula dos custos de produción é de obrigado cumprimento, "hai industrias que están a aproveitar este pretexto para poñer fin ao contrato vixente coas explotacións e asinar outro co prezo á baixa", denuncia Agromuralla, que alerta de "presións aos gandeiros para que acepten e asinen a modificación".
"Ameázase aos gandeiros con deixar de recollerlles e mesmo con levalos pola vía xudicial se non asinan. As industrias sempre utilizaron e seguen utilizando as políticas do medo, a pesar de que moitas destas prácticas veñen de ser sancionadas pola Comisión Nacional da Competencia, pero semella que ás empresas compénsalles infrinxir a Lei e arríscanse a pagar as sancións polos benefícios que obteñen", conclúe López.