Esixe ás adminstracións que actúen contra empresas "pirata"

Agromuralla denuncia impagos de leite a cinco gandeiros por máis de 150.000 euros

A asociación Agromuralla denuncia "importantes débedas", de máis de 150.000 euros, da empresa Central Lechera de Lugo (Grupo Santé) e de LCG Fruits, actual propietaria da planta de envasado de leite de Outeiro de Rei (Lugo), con cinco produtores que lle entregaban o leite.
Agromuralla denuncia impagos de leite a cinco gandeiros por máis de 150.000 euros
Agromuralla denuncia impagos de entregas de leite por parte de dúas empresas a cinco gandeiros asociados.
Agromuralla denuncia impagos de entregas de leite por parte de dúas empresas a cinco gandeiros asociados.

Agromuralla explica que cinco dos seus asociados levan desde o mes de outubro e novembro sen cobrar unha cantidade total que ascende a máis de 150.000 euros. "Son importes nalgúns casos de máis de 35.000 euros por gandería, esenciais neste momento para garantir a supervivencia destas explotacións", afirma a asociación de gandeiros. 

Segundo explican desde Agromuralla, LCG Fruits & Juices SL, asentada en Castela a Mancha e Andalucía e con negocios no sector do viño, os cítricos e os zumes de froitas, adquiriu o pasado ano a Tegestacín as instalacións de almacenamento e envasado de leite de Outeiro de Rei e, tras despedir á totalidade do cadro de persoal, reduciu a actividade até deixar de envasar leite líquido nela e pechar a planta no mes de decembro. 

Non obstante, a empresa segue a recoller leite e está a ofrecer novos contratos para captar explotacións que lle subministren materia prima co obxectivo de "facer negocio a costa dos gandeiros", asegura Agromuralla, que sospeita que a empresa revende despois ese leite a outras empresas para facer leite en pó e outros derivados, aproveitando o alto prezo que están a ter neste momento estes produtos lácteos industriais, pero deixando sen pagar o leite aos produtores. 

Por iso, Agromuralla quere advertir aos gandeiros do "amplo historial de imcumprimentos" desta empresa e recomenda aos seus asociados que non asinen contratos con ela nin lle entreguen o leite "en vista das malas experiencias que outros compañeiros tiveron coa compañía". 

Agromuralla considera que "existe todo unha estrutura e un entramado de empresas pantasma creado ad hoc para que non cobren os gandeiros". "Levaron o domicilio social a Madrid e están desmontando a planta de Tegestacín en Outeiro de Rei coa finalizade de non facer fronte ás débedas e burlar a xustiza", denuncia Agromuralla.

Pagarés sen fondos

Os gandeiros afectados tiñan contratos asinados con Central Lechera de Lugo, nome baixo o que operaba a empresa, nos que se estipulaba que o pago do leite se efectuaría nos 30 días seguintes ao mes de recollida, considerándose incumprimento grave de contrato e causa de rescisión un retraso de 7 días sobre esa data. 

En base aos retrasos acumulados, os produtores afectados decidiron deixar de entregar o leite á empresa e executar os pagarés que a compañía depositara en forma de avais. Pero estes pagarés, emitidos por LCG Fruits, resultaron estar sen fondos. "Foron presentados a cobro pero viñeron devoltos por carecer de fondos, o que xera novos gastos aos gandeiros a maiores da débeda xa acumulada", denuncia Agromuralla.

Os contratos estipulaban tamén que en caso de desacordo entre as partes se abriría un proceso de intermediación por parte da Inlac, que resultou infructuoso. "Non houbo acordo no acto de conciliación levado a cabo e aos gandeiros quédalles agora o recurso á Corte Española de Arbitraxe, pero ese proceso ten uns gastos elevados aos que os gandeiros non poden facer fronte", asegura Agromuralla, que esixe ás administracións públicas, tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Agricultura, "que actúen contra estas empresas pirata que están a vulnerar a Lei da Cadea Alimentaria e o Paquete Lácteo con total impunidade valéndose da situación de inferioridade clara dos produtores".  
 

Agromuralla denuncia impagos de leite a cinco gandeiros por máis de 150.000 euros