Dende abril, o prezo do leite experimentou unha caída de entre 8 e 12 céntimos
Agromuralla denuncia a baixada do prezo da leite aos gandeiros
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia que as granxas de leite volven estar "coa auga ao pescozo" despois de que as industrias lácteas lles volveran baixar o prezo do leite en setembro.
José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla, explicou que “"desde xaneiro baixáronnos o leite de media ás granxas un 20% pero nos supermercados segue ao mesmo prezo".
Segundo amosan os datos do IPC do pasado mes de agosto, desde xaneiro produciuse unha suba dun 0,3% do leite enteiro nos liñais dos supermercados, mentres que o queixo incrementou o seu prezo un 2,2% e outros produtos lácteos un 4,3%.
"Nos supermercados o prezo do leite e derivados lácteos segue custando o mesmo, polo que as industrias e cadeas de distribución están aumentando as súas marxes a base de afogar aos que producimos o leite”, insisten dende Agromuralla.
Segundo explica a organización de produtores, as industrias lácteas aplicaron xa dúas baixadas este ano, nos meses de abril e xullo, con renovación de contratos a curto prazo e unha caída que vai dende os 8 aos 12 céntimos dende abril, dependendo da industria compradora e o volume producido pola explotación.
Peche de granxas e aumento dos custos de producción
De feito, Agromuralla lembra que "España é un país deficitario en produción de leite" que se ve obrigado a mercar "máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume, polo que "o prezo que se paga aos gandeiros debería reflectir esa realidade".
Na mesma liña, nos últimos 8 anos pecharan en Galicia 3.800 granxas. Das 9.600 ganderías de leite que había na comunidade no ano 2015, hoxe quedan só 5.824, segundo os datos do Ministerio do pasado mes de xullo. A escasa rendibilidade das explotacións, que impide o relevo xeracional, é unha das causas de peche.
Por outra banda, os custos de produción para as ganderías seguen altos, co gasóleo de novo en máximos históricos, o mesmo que as forraxes. Ante este panorama, Pérez Barreiro, evidenciou que “a cousa empeza a complicarse de novo e os números empezan a apretarse outra vez".
Por todo isto, dende a asociación de produtores lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por "abandonar aos produtores á súa sorte de cara ás sucesivas renovacións de contratos", polo que non descartan adoptar as medidas que se consideren necesarias "se as Administracións públicas non actúan en defensa dos gandeiros" e continúan nesta liña de deixadez.