Este xoves na Coruña
Agromuralla convoca unha nova manifestación en defensa do sector primario
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla convocou para este xoves 15 de febreiro un acto de protesta diante de Delegación do Goberno na Coruña "para manter viva a chama das protestas que nas últimas semanas se estenderon por distintos países europeos".
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera "insuficientes" os compromisos acadados por parte dos Gobernos das distintas Administracións para facer fronte á "situación de emerxencia que vive todo o sector primario" polo que fai un chamamento a "manter a presión" para que as reivindicacións dos produtores sexan "escoitadas e atendidas".
A Manifestación en Defensa do Sector Primario partirá ás 12:00 da mañá desde o Coliseum da Coruña para dirixirse a pé até a Delegación do Goberno, onde se lerá un manifesto coas principais reivindicacións: redución da burocracia, reforma e simplificación da PAC, modificación das normativas ambientais e un prezo xusto polos produtos en orixe.
Participación de distintos colectivos
Na manifestación deste xoves está prevista a participación de distintos colectivos e asociacións de produtores chegados desde distintos puntos de Galicia en representación de sectores como o do leite, o da carne, o ovino, o porcino, a produción hortícola ou a pesca.
A maiores, a asociación de gandeiros e gandeiras fai un chamamento expreso aos sindicatos agrarios para que se sumen e participen na protesta así como a todos aqueles cidadáns que se queiran solidarizar co sector.
Axenda 2030
Un dos motivos da protesta é solicitar a retirada da Axenda 2030, aprobada polo Goberno español en sintonía coa Estratexia da Granxa á Mesa da UE e que "afoga a agricultura e a gandería con imposicións imposibles de cumprir, como a nova normativa de xurros".
Pérez Barreiro sinalou que “os produtores de alimentos non somos os culpables da destrución do medio ambiente, máis ben ao contrario. Mentres en Europa se nos poñen todo tipo de trabas e impedimentos para producir, ao mesmo tempo faise a vista gorda á entrada de produtos desde o exterior que non cumpren coas esixencias en materia de fitosanitarios ou benestar animal que aquí temos que cumprir”.
"Semella que o verdadeiro obxectivo da Axenda 2030 é que os produtores locais pechemos antes do 2030 para abrir as fronteiras ás importacións a través dos tratados de libre comercio, ignorando o principio de preferencia comunitaria", argumenta o presidente da asociación, alertando de que "está en xogo a seguridade alimentaria e a garantía de subministro de alimentos e produtos de primeira necesidade á poboación, como se demostrou durante a pandemia".