Denuncia a "trampa" da rebaixa do IVE e o desconto no gasóleo para os gandeiros
Agromuralla acusa ao Goberno de "financiar as súas medidas de cara ás eleccións a costa dos produtores"
Segundo expoñen desde Agromuralla, como consecuencia da rebaixa do IVE do leite do 4% ao 0%, as empresas están deixando de pagar o IVE aos gandeiros nas súas facturas pola compra do leite, mentres que as explotacións teñen que seguir pagando o imposto nas súas compras de medicamentos ou outros insumos, sen ter posibilidade de compensalo nas declaracións trimestrais coas cantidades cobradas por este concepto.
Esta situación, vai provocar un "desaxuste financieiro importante nas granxas", denuncia Agromuralla, xa que se trata de cantidades importantes que as explotacións non van poder recuperar até dentro de máis dun ano.
"No trimestre ingrésase a diferencia resultante do IVE repercutido menos o soportado, polo que a cantidade a abonar non vai estar compensada e imos ter que agardar ata o 31 de decembro para poder solicitar a devolución, que non o cobraremos ata maio de 2024", denuncia Agromuralla.
Esta medida supón ademais unha "discriminación entre explotacións", xa que a aplicación da rebaixa do IVE vai depender do rexime no que se atopen encadradas á hora de determinar o rendemento da súa actividade. Esta situación de IVE ao 0% afecta unicamente ás explotacións que están en Estimación Directa, pero non ás que permanecen no sistema de Módulos, que seguirán cobrando cobrando o IVE pola venda do seu leite, neste caso o 10,5%.
"Estamos financiando as medidas electorais do Goberno"
Ao igual que no caso da rebaixa do IVE ao leite, o sistema escollido para o mantemento da bonificación de 20 céntimos por litro ao gasóleo agrícola supón "que os gandeiros teñamos que adiantar os cartos", denuncia Agromuralla, xa que a axuda concederase aos agricultores que exerzan o seu dereito á devolución das cotas do Imposto Especial de Hidrocarburos. A devolución poderase solicitar a partir do vindeiro 1 de abril pero non se cobrará até o 2024.
"Os produtores de leite estamos facendo de banco para o Goberno, financiando as súas medidas de cara ás eleccións", quéixanse en Agromuralla. O desaxuste contable provocado en moitas granxas vai facer que teñan problemas de liquidez nun momento de custos de produción elevados como os que se dan neste momento, xa que o feito de non ingresar IVE pola venda do leite vai afectar ao diñeiro circulante do que dispoñen as explotacións para pagar investimentos, créditos e compras.
Do mesmo xeito desde Agromuralla consideran que medidas como a rebaixa do IVE a unha serie de productos considerados básicos "tan só supón prexuizos para os produtores e escasos beneficios para os consumidores", xa que "non está a surtir os efectos pretendidos no abaratamento da cesta da compra porque moitas cadeas de supermercados subiron primeiro artificialmente os prezos, polo que están igual de caros que antes de rebaixarlles o IVE", aseguran.