Aprobadas as contas de 2016
Afundación reduce o seu déficit a 6,2 millóns de euros
O Padroado de Afundación aprobou, tras se reunir en sesión ordinaria na súa sede de Santiago de Compostela, as contas anuais de 2016, cuxo resultado representa unha mellora do 68 % con respecto ao exercicio precedente, reducindo o déficit de 19 a 6,2 millóns de euros
Con Abanca como único mecenas, a entidade avanza no seu redimensionamento eficiente para garantir a súa sostibilidade económica cara ao equilibrio orzamentario recollido no seu Plan estratéxico 2015-2019.
Afundación consolídase en 2016 como a primeira institución privada sen ánimo de lucro en Galicia, pola súa repercusión tanto no tecido social como no cultural, con máis dun millón de persoas como beneficiarias dos proxectos e actividades que desenvolveu neste período. O plan de actuación 2017 conta cun presuposto de 24 millóns de euros.
Fitos de 2016
No ámbito da Educación Superior, un dos tres eixes principais de Afundación, 2016 foi o ano no que naceu o Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE). Esta iniciativa de Abanca e Afundación implica un salto cualitativo e transformador para a Escola de Negocios que, en 2017, cumpre trinta anos de historia. Así, neste primeiro ano de implantación, en IESIDE formáronse máis de 3.500 estudantes, un 21 % máis que no ano anterior e, dentro do seu proxecto de internacionalización, subscribíronse varios acordos de colaboración con outras institucións académicas. En 2016 asináronse, así mesmo, 60 convenios de formación coas principais empresas e organizacións empresariais galegas e outorgáronse 82 bolsas de excelencia académica, dentro do obxectivo de brindar unha educación de elite, pero non para as elites. No ano académico 2017-2018, IESIDE porá en marcha novos programas e incorporará un novo campus virtual.
No seu segundo eixe estratéxico, a promoción do Envellecemento Activo, Afundación, que conta con 12.500 socios nos seus espazos +60, consolidou o ano pasado un programa de actuacións que favorecen o benestar psicofísico e potencian as relacións das persoas maiores, a aprendizaxe ao longo da vida e a súa participación activa na sociedade.
E no ámbito da Cultura, Afundación consolídase como un dos principais axentes de Galicia. Máis de 256.000 persoas se beneficiaron en 2016 da actividade cultural de Afundación, un 25 % máis que en 2015, que promoveu 67 proxectos expositivos e 165 actividades de artes escénicas e musicais.