Balance da Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia
Aesgal impulsará en 2020 o selo "Facendo Empresa"
A Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) fai balance do 2019, un ano no desenvolveu múltiples xornadas co “obxectivo de poñer ás sociedades laborais no mapa da economía social”, segundo indica a súa xerente, Berta Lema.
Aesgall organizou neste 2019 actividades nas que combinou o fomento da visibilidade da asociación e das entidades que a integran e a formación das súas asociadas. A participación na Comisión Institucional do Pacto Local polo Emprego da cidade da Coruña; a II Feira da Economía Social; o XIX Encontro de Emprendedoras e Empresarias, organizado pola Fundación Mujeres; o grupo de traballo sobre Dinamización demográfica e benestar, de cara á elaboración do Plan estratéxico 2021-2030 da Xunta de Galicia; a xornada "Novas Economía: é colaboración todo o que que parece?", promovida pola Unión de Cooperativas Galegas; o Programa de Fomento da Economía Social, a Innovación e o Desenvolvemento Sustentable na Galiza Rural 2019-2020 dirixido ao alumnado de ensino medio e universitario, posto en marcha por Daveiga, sociedade laboral socia, recentemente, foron algúns exemplos.
En relación ao funcionamento propio de AESGAL, ademais dos labores de apoio ás empresas asociadas e de diálogo con diferentes entidades e organismos, activouse un punto de asesoramento na Coruña, no Accede Papagaio, durante os meses de maio a xullo, e aprobouse a incorporación á Cooperativa de servizos financeiros Coop57. Ademais, presentouse a axenda sectorial Industrias creativas e culturais en Galicia e Norte de Portugal, no marco do proxecto LACES, en Santo Tirso, Portugal, e en dous actos na cidade de Pontevedra, un en xuño, no que tamén se presentou a axenda mediombiental, e outro en novembro, no Culturgal.
Sen dúbida, este ano suporá un antes e un despois no sector da economía social galega trala constitución do Foro pola Economía Social Galega por parte de Aesgal, Agaca, Aeiga, Cegasal e EspazoCoop. Desde o Foro promoveuse o ciclo de Economía Social Meetings, dentro dos cales esta asociación puxo en marcha un, arredor das liñas de financiamento que ofrece a Fundación Goteo, que se presentou por primeira vez na comunidade. Tamén baixo o paraugas desta unión, publicouse o Manual Divulgativo da Economía Social en Galicia.
Ademais, Galicia foi nomeada Rexión Amiga da Economía Social por parte da Comisión Europea.
Obxectivos para 2020
Con este panorama, o obxectivo de AESGAL para o vindeiro ano, en palabras da súa xerente, “é seguir medrando como asociación, e así contar coa forza necesaria para continuar apoiando ás sociedades laborais asociadas, ofrecéndolles máis servizos e atendendo ás súas necesidades”. Un traballo a prol da consolidación desta fórmula empresarial, no que o selo "Facendo Empresa" xoga un papel fundamental, como apunta Berta Lema: “queremos que a marca Facendo Empresa, que creamos para poñer en valor a filosofía e o xeito de traballar das sociedades laborais, sexa un selo coñecido e recoñecido polo que representa”.